A Xunta destaca que o grupo Cupa avanza cara a produción intelixente e sustentable da lousa

2023-07-12
  • O consorcio de empresas liderado por Cupa Innovación informou esta mañá do proxecto Smart4slate: enfoque holístico para unha produción intelixente e sustentable 4.0 da lousa natural, enmarcado no programa Fábrica Intelixente e Sustentable
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, lembrou que está actualmente aberta a convocatoria 2023 que impulsa proxectos de I+D+i estratéxicos para o tecido industrial galego

Carballeda de Valdeorras (Ourense), 12 de xullo de 2023.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, asistiu hoxe en Carballeda de Valdeorras a unha xornada organizada polo Grupo Cupa, en colaboración coa empresa Técnicas de Soft e o centro tecnolóxico CETIM. Nela informouse dos resultados do proxecto Smart4slate: enfoque holístico para unha produción intelixente e sustentable 4.0 da lousa natural. Esta iniciativa, que persegue a transformación do proceso produtivo da lousa natural cun enfoque de Industria 4.0, recibiu o apoio do programa Fábrica Intelixente e Sustentable da Xunta de Galicia na convocatoria de 2020 e está cofinanciado con Fondos do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

Argerey destacou a contribución deste proxecto á transformación industrial do tecido produtivo galego, a través da dixitalización e automatización de distintos procesos e o desenvolvemento de produtos de alto valor engadido a partir de residuos da lousa. Deste xeito, o proxecto alíñase cun dos retos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2021-2027 que é avanzar cara a un novo modelo industrial baseado no coñecemento e a innovación, así como coas prioridades da dixitalización e a sustentabilidade establecidas para este período.

O proxecto Smart4Slate, cun orzamento de máis de 3,5 millóns de euros e unha axuda pública de 1,75 millóns a través de fondos Feder, permitiu ao consorcio desenvolver distintas liñas de investigación aplicables ao sector da lousa como a dixitalización do proceso produtivo ou o control de calidade despois do labrado da lousa. En definitiva, favorecerá un incremento da produtividade e unha redución de tempos e de espazos, entre outras vantaxes.

A directora subliñou a importancia da colaboración entre distintos axentes do sistema galego de I+D+i, empresas e centros de coñecemento, co obxectivo de impulsar a transferencia e a transformación en valor económico e social da I+D+i. Así mesmo, apuntou que este proxecto se aliña coa Axenda da Minería Sustentable de Galicia 2030 na que a innovación tecnolóxica para acadar procesos produtivos máis eficientes é clave.

Por último, lembrou que segue aberto o prazo ata o 2 de outubro da convocatoria 2023 do programa de Fábrica Intelixente e Sustentable que apoia iniciativas de I+D+i de carácter estratéxico para o tecido industrial galego centradas no desenvolvemento de tecnoloxías dixitais e verdes. Esta liña de axudas, dotada con 24 millóns de euros nesta edición, está dirixida tanto a pemes como a grandes empresas, así como a organismos de investigación que desenvolvan proxectos de I+D en colaboración cunha ou varias compañías.

A través deste programa apóianse tanto proxectos de I+D como de innovación en materia de procesos ou organización co obxectivo de estimular que as empresas leven a cabo a súa I+D+i en Galicia, actúen como elemento tractor na mobilización e atracción de capital privado, impulsen a competitividade do tecido empresarial galego e favorezan a cooperación entre organismos de investigación e o tecido produtivo.