A Xunta impulsa a innovación nas pequenas empresas galegas do sector biotecnolóxico como Biopranaworld

2023-07-05
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá as instalacións desta compañía que accedeu ao programa InnovaPeme en 2022
  • O vindeiro 13 de xullo abre o prazo de solicitude destas axudas que este ano se activan á vez que DeseñaPeme, para impulsar a competitividade das pemes galegas

Nigrán (Pontevedra), 5 de xullo de 2023.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá a empresa de biotecnoloxía aplicada ao agro Biopranaworld, especializada na comercialización de compostos baseados na acción dos microorganismos para procesar subprodutos orgánicos. O obxectivo era coñecer de primeira man os avances no desenvolvemento do plan de innovación que está a executar co apoio do programa InnovaPeme 2022 da Xunta de Galicia.

En concreto, Biopranaworld recibiu unha axuda do 50% para fortalecer a capacidade innovadora da empresa, a través da mellora do seu posicionamento de marca, a medición do impacto do seu produto activador de solos e a dixitalizalización do seguimento dos procesos de fertilización grazas á colaboración de entidades como Inova, as universidades de Vigo e de Santiago de Compostela, Integria e Rock River Laboratory.

A directora de Gain informou durante a visita á empresa que o vindeiro 13 de xullo abrirá o prazo de solicitude desta liña de apoios, que este ano se convoca á vez que DeseñaPeme co obxectivo de dar resposta ás necesidades das pemes, especialmente dos sectores máis tradicionais. Ambas as dúas liñas, dotadas con 4,5 millóns de euros en total, están dirixidas a impulsar a innovación nas pequenas e medianas empresas; no caso de DeseñaPeme céntrase máis en produto, servizo, experiencias, marca e identidade, mentres que a través de InnovaPeme o obxectivo son os procesos e a organización.

En total, aspírase a apoiar 60 plans orzamentados entre 50.000 e 150.000 euros e cunha intensidade da axuda do 50%. Argerey apuntou que en empresas como a biotecnolóxica Biopranaworld, que xa invisten en innovación, InnovaPeme pretende reforzar esa capacidade de mellora.

Esta liña de axudas complementa outras como Bonos de Innovación, para acometer actuacións a curto prazo e con menor importe; o programa ReAcciona ou a aceleradora de internacionalización da innovación Galicia Avanza.

A actividade de Biopranaworld está aliñada coas prioridades da Estratexia Galega de Especialización Intelixente 2021-2027 (RIS3), contribuíndo á transición verde a través dunha xestión máis eficiente, sustentable e circular dos subprodutos orgánicos.

A compañía ten desenvolto tres produtos baseados en microorganismos naturais: bioxenerador para rexenerar a bioloxía dos solos; biodesatascador para desatascar tobaxes e activar fosas sépticas; e un bioactivador para mellorar os procesos de descomposición de materia orgánica.