A Xunta aposta pola transferencia de coñecemento para que a ciencia se transforme en competitividade e benestar

2023-06-21
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participaron no acto de entrega dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, de Xornalismo Científico Celia Brañas e de Divulgación Científica 2023

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2023.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, interveu esta tarde no acto de entrega dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, de Xornalismo Científico Celia Brañas e de Divulgación Científica 2023 convocados pola Real Academia Galega de Ciencias en colaboración coa Xunta de Galicia.

No acto, no que tamén participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, Argerey destacou o importante papel que xoga a transferencia do coñecemento para transformar a ciencia excelente que se desenvolve en Galicia en competitividade económica e benestar social. Por este motivo, a transferencia de coñecemento dos centros de investigación ao tecido produtivo constitúe unha prioridade na política de I+D de Galicia, tal como recolle a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia.

Para afrontar este reto global e seguir mellorando o desempeño de Galicia nesta materia, Argerey puxo en valor o programa Ignicia, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Barrié co obxectivo de apoiar a chegada ao mercado dos resultados da investigación que se realiza nos centros de coñecementos galegos.

Precisamente, os tres proxectos e empresas premiadas nesta edición dos Premios á Transferencia de Coñecemento en Galicia participaron ou xurdiron directamente do programa Ignicia: o proxecto Canther da Fundación Profesor Novoa Santos; a spin-off da Universidade de Santiago de Compostela Inverbis Analytics; e a spin-off da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela Diversa Technologies.

A directora da Axencia Galega de Innovación tamén lembrou o papel clave que desempeñan os medios de comunicación e os profesionais da información na visibilización da ciencia que se realiza en Galicia e na sensibilización social cara a ciencia e a tecnoloxía, en referencia á premiada na oitava edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, Mila Méndez, e José Luis Jiménez, que recibiu o áccesit. Por último, a directora felicitou tamén ao IES Rosalía de Castro polo Premio á Divulgación Científica 2023 e subliñou o seu traballo a prol do fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado e a divulgación da cultura científica entre a sociedade.