A Xunta e a Fundación Barrié poñen o foco na transferencia dos resultados da investigación ao tecido produtivo e ao mercado

2023-06-19
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e a directora da Fundación Barrié, Carmen Arias, participaron hoxe na Coruña na primeira sesión presencial do Comité asesor do programa Ignicia

A Coruña, 19 de xuño de 2023.- O Comité asesor do programa Ignicia, unha iniciativa pioneira promovida pola Xunta de Galicia e a Fundación Barrié para transferir os resultados da investigación ao tecido produtivo, celebrou hoxe na Coruña a súa primeira reunión presencial.

No encontro, que contou coa participación da directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e a directora da Fundación Barrié, Carmen Arias, púxose de relevo a necesidade de que as estruturas de apoio á valorización de coñecemento que xera a investigación de universidades, organismos de investigación e centros tecnolóxicos galegos gañen dimensión, consoliden perfís especializados e potencien as súas funcións de desenvolvemento innovador.

O programa Ignicia desenvólvese a través de varias liñas de actuación, como son o financiamento e apoio aos procesos de valorización, a formación e profesionalización na xestión da transferencia, o fortalecemento de estruturas de apoio, a interacción e promoción do Sistema Galego de Innovación, e a monitorización do sistema de valorización e colaboración en I+D. Dentro do programa Ignicia lévanse a cabo tanto as accións destinadas a potenciar a valorización e transferencia de coñecemento en Galicia como a convocatoria centrada no apoio económico necesario para facilitar a viabilidade de iniciativas emprendedoras baseadas na ciencia galega.

O Comité asesor de Ignicia está formado por expertos de recoñecido prestixio e funciona como un órgano consultivo que ten como obxectivo orientar o programa para que as súas iniciativas e accións se adecúen ás necesidades do ecosistema de I+D+i e manteñan o seu carácter innovador e pioneiro, ademais de prestar apoio para lograr os obxectivos fixados no marco do programa.