A Materioteca de Galicia celebrará en Ferrol unha xornada sobre innovación na valorización dos residuos plásticos

2023-06-17
  • O encontro terá lugar o vindeiro xoves, 22 de xuño, no CIS Tecnoloxía e Deseño e contará con destacados expertos na materia
  • O obxectivo é explorar as diferentes perspectivas e solucións innovadoras no campo da valorización dos residuos plásticos
  • Está dirixida a profesionais e expertos no medio ambiente, profesionais do deseño, empresas que utilizan plásticos nos seus procesos produtivos, así como académicos e estudantes interesados no tema dos plásticos e a sustentabilidade

Ferrol, 17 de xuño de 2023.- A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, celebrará o vindeiro xoves 22 de xuño no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol) a xornada titulada Retos na valorización de residuos plásticos. Este evento, con carácter exclusivamente presencial, forma parte do plan de actividades da Materioteca de Galicia e da Enterprise Europe Network, rede de apoio ao tecido científico-empresarial de Europa, para o ano 2023.

Neste evento abordarase o impacto dos plásticos no medio ambiente e as solucións necesarias para a súa adecuada valorización. O obxectivo dos distintos relatorios é explorar e discutir as diferentes perspectivas e solucións innovadoras no campo da valorización dos residuos plásticos. Para iso, contarase coa participación de destacados expertos e organizacións galegas comprometidas coa protección do medio ambiente e a procura de alternativas sustentables no campo dos polímeros.

A través das diversas presentacións buscaranse solucións sustentables e resaltarase a importancia de obter plásticos biodegradables e compostables para minimizar o seu impacto no medio ambiente e fomentar a súa revalorización. A xornada está dirixida a profesionais e expertos no medio ambiente, profesionais do deseño, empresas que utilizan plásticos nos seus procesos produtivos, académicos e estudantes interesados no tema.

A xornada comezará coa presentación da Asociación Profesional de Empresas Ambientais (Aproema), que compartirá as súas experiencias e avances na valorización dos residuos plásticos en Galicia e brindará información sobre os desafíos e as oportunidades existentes na Comunidade.

A través do Instituto Tecnolóxico do Plástico (Aimplas) poderanse coñecer as vantaxes que achegan os plásticos biobaseados en contraposición aos plásticos convencionais, todo iso no marco das certificacións que se esixen a estes materiais para ser admitidos nos mercados. Nun segundo relatorio, compartiranse as conclusións do proxecto Repesca_Plas, no que participaron empresas e organismos de Galicia e que se centrou na valorización dos residuos plásticos procedentes do mar.

Para tratar sobre a problemática concreta da xestión de residuos plásticos provenientes do sector agrícola, contarase coa experiencia da consultora Estrategia y Gestión Medioambiental (Esgam) que ofrecerá unha visión dos retos e as posibles solucións para abordar esta cuestión específica.

Para finalizar, Deborah García Bello, química investigadora do Centro Interdisciplinar de Quimica e Bioloxía (CICA), escritora e divulgadora científica coñecida como @deborahciencia, brindará unha visión xeral sobre o presente e o futuro da valorización de residuos plásticos. A través da súa presentación, dará a coñecer as tendencias emerxentes neste campo e ofrecerá o seu enfoque sobre a temática abordada nesta reunión. O programa completo pode consultarse na web da Axencia Galega de Innovación, onde tamén se pode realizar a inscrición.