Galicia ten como reto seguir incentivando a participación de todos os axentes do ecosistema galego de I+D+i nas axudas europeas

2023-06-08
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou nunha xornada informativa organizada xunto co CDTI, con quen avoga por unha xestión coordinada para ofrecer unha xanela única ás pemes, emprendedores e investigadores

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2023.- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe nunha xornada organizada pola Axencia Galega de Innovación e o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) que Galicia ten como reto seguir incentivando a participación de todos os axentes do ecosistema galego de I+D+i, incluídas as pequenas e medianas empresas, nas axudas europeas.

Na súa intervención, o vicepresidente primeiro avogou por unha xestión coordinada co CDTI para ofrecer unha xanela única ás pemes, emprendedores ou investigadores que estean buscando financiamento para os seus proxectos, establecendo un marco único de axudas para evitar duplicidades.

Do mesmo xeito, incidiu na importancia da colaboración público-privada, para que a investigación se traslade do laboratorio á industria. Neste eido, a Xunta está a mobilizar 400 millóns de euros en programas como as Unidades Mixtas, para desenvolver proxectos pioneiros de I+D+i nos nosos sectores estratéxicos a través de alianzas entre empresas e centros tecnolóxicos; para impulsar a dixitalización da industria, como o de Fábrica Intelixente; e para implantar a cultura da innovación e consolidar as carreiras profesionais, entre outros ámbitos de actuación.