A Xunta de Galicia e a Fundación Barrié danlle un novo pulo ao Programa Ignicia coa constitución dun Comité asesor con expertos de prestixio

2023-05-03
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou hoxe na constitución deste órgano consultivo que ten como obxectivo optimizar as actuacións do programa en base ás necesidades do ecosistema de I+D+i
  • gnicia é unha iniciativa pioneira en España para transferir os resultados da investigación xerada nos centros de coñecemento galegos ao tecido produtivo e valorizar a ciencia

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2023.- A Xunta de Galicia e a Fundación Barrié constituíron hoxe un Comité asesor co fin de darlle un novo impulso ao Programa Ignicia, unha iniciativa pioneira en España para transferir os resultados da investigación xerada nos centros de coñecemento galegos ao tecido produtivo e valorizar a ciencia.

O comité contou na súa primeira reunión coa presenza de Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta, e Carmen Arias, directora da Fundación Barrié. Formado por expertos de recoñecido prestixio que representan aos axentes implicados na cadea de valor da transferencia de coñecemento en Galicia, este comité é un órgano consultivo que ten como obxectivo que as accións de Ignicia se adecúen ás necesidades do ecosistema de I+D+i e manteñan o seu carácter innovador e pioneiro, ademais de prestar asesoramento para lograr os obxectivos fixados no marco do programa.

O Comité de Ignicia, coordinado por Rogelio Conde-Pumpido, asesor do programa, está formado tamén por Antonio Abril, presidente da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas; Ángel Carracedo, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; Paloma Domingo, directora adxunta da Fundación General CSIC; Jesús Lago, presidente da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga); Carme Pampín, presidenta de Bioga; Carme Verdaguer, directora de proxectos estratéxicos da Fundación Bosch i Gimpera-Universitat de Barcelona e vicepresidenta de RedTransfer; Judith Saladrigas, socia da área de innovación e emprendemento de Rousaud Costas Durán; Fernando Conesa, director do Servizo de Promoción e Apoio á Investigación, Innovación e Transferencia da Universidade Politécnica de Valencia; Xavier Testar, delegado do reitor para a innovación e a transferencia na Universidade de Barcelona, e Juan José Vaquero, vocal da Confederación de Sociedades Científicas de España (COSCE).

O Programa Ignicia é unha iniciativa singular e pioneira en España, que foi destacada como boa práctica pola OCDE. Promovido desde 2016 pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Barrié, ten como obxectivo transferir os resultados da I+D xerada nos centros de coñecemento galegos ao tecido produtivo, de xeito que se valorice o investimento en ciencia, xerando tamén impacto na sociedade.

A esencia deste programa é lograr que a ciencia excelente que se produce en Galicia teña un impacto positivo na competitividade económica e no benestar social, a través de varios eixos, como son o financiamento e apoio aos procesos de valorización, a formación e profesionalización, o fortalecemento de estruturas, a interacción e promoción do Sistema Galego de Innovación, e a monitorización do sistema de transferencia.

Dentro do Programa Ignicia lévanse a cabo dúas liñas de actuación, unha que agrupa todas as accións destinadas a potenciar a transferencia de coñecemento en Galicia, e outra centrada no apoio económico necesario para facilitar a chegada ao mercado da investigación feita en Galicia, coñecida como a convocatoria de Proba de Concepto.