A Xunta defende un traballo colectivo na aplicación das tecnoloxías intelixentes á industria

2023-04-10
  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, inaugurou hoxe o encontro da Asociación española de inteligencia artificial para la industria INDESIA sobre os retos e aprendizaxes da intelixencia artificial (IA) no tecido industrial do país

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2023.- A Xunta defendeu hoxe un traballo colectivo na aplicación das tecnoloxías intelixentes á industria, porque a súa complexidade e os retos éticos e normativos que se presentan para o seu uso requiren a colaboración das Administracións públicas, as universidades, a sociedade e as empresas.

Durante a inauguración do encontro da Asociación española de inteligencia artificial para la industria INDESIA sobre os retos e aprendizaxes da intelixencia artificial (IA) no tecido industrial do país, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, incidiu na necesaria implicación das Administracións públicas, como provedoras de servizos esenciais á cidadanía e como promotoras e facilitadoras dun desenvolvemento en beneficio da economía e a sociedade; das universidades e centros de investigación; da sociedade, que debe estar preparada para o manexo e xestión dos novos escenarios; e das empresas, tanto das que producen as tecnoloxías como das que as consumen para manter a súa competitividade.

Así mesmo, aseverou que a aprobación temperá da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, a partir da vocación europea de liderado nunha intelixencia artificial fiable e humanista, situou a Galicia na vangarda para o desenvolvemento destas tecnoloxías. Unha aposta reforzada coa creación do nodo galego de intelixencia artificial –o nodo galicIA-, do que forman parte as tres universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia.

Ao longo da súa intervención, Miguel Corgos resaltou que froito desta aposta pola colaboración é tamén a elaboración, por parte de equipos multidisciplinares das tres universidades, do primeiro estudo sobre o marco ético e normativo da intelixencia artificial que se elabora no ámbito autonómico español.

Ademais de facilitar o uso das tecnoloxías intelixentes nas pequenas e medianas empresas, o conselleiro de Facenda e Administración Pública apelou á colaboración para facer fronte ao reto de favorecer e reter o talento para cubrir esa necesidade e reducir, na medida do posible, as dependencias do exterior.

Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou que a dixitalización é unha das tres prioridades transversais da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2021-2027 (RIS3), xunto á sustentabilidade e as persoas, co obxectivo de consolidar un modelo de crecemento baseado no coñecemento e na innovación e dar resposta aos retos globais. Para acadar este obxectivo, dende a Xunta de Galicia puxéronse en marcha instrumentos como os Hubs de Innovación Dixital, que facilitan a integración de tecnoloxías emerxentes nas pemes, así como iniciativas estratéxicas como a Cidade das TIC, o Polo de Tecnoloxías Cuánticas ou o Polo Aeroespacial de Galicia.

No marco deste último, a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación participa no programa Retech, Optimización das cadeas de valor en sectores estratéxicos da economía para a mellora da produtividade e da calidade de vida a través da aplicación da intelixencia artificial desde unha visión humanista, ética e medioambiental, que articula proxectos de varias comunidades autónomas orientados á transformación e especialización dixital. Algúns obxectivos de Galicia neste programa son o desenvolvemento de algoritmos e solucións de IA baseadas en UAVs de interese para as distintas empresas ou a federación de datos para a creación de sinerxías entre empresas e sector público e privado.

A directora de Gain lembrou que a través de Retech proximamente se convocará un novo programa de axudas de Compra Privada de Innovación dirixido a empresas de calquera sector que queiran desenvolver solucións baseadas en tecnoloxías de sistemas non tripulados e Intelixencia Artificial en colaboración con centros de coñecemento e pemes galegas. Estas comprométense a integrar a solución desenvolta se resolve o seu reto ou necesidade.