A Xunta destaca que a posta en marcha da oficina Conecta en Lugo mellorou a participación das empresas nas axudas á innovación

2023-02-22
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaron nun encontro enmarcado no ciclo co que se está percorrendo Galicia para explicar os instrumentos de apoio do Goberno galego á I+D+i
  • O obxectivo é promover a innovación entre as pemes, informando e achegando casos de éxito de empresas innovadoras
  • Segue aberta ata o 10 de abril a convocatoria de Bonos de Innovación, unha liña de axudas que persegue apoiar especialmente as empresas que incorporan por primeira vez o compoñente innovador na súa estratexia de negocio, mediante a contratación de servizos externos

Lugo, 22 de febreiro de 2023.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, participaron esta mañá en Lugo na xornada de presentación do mapa de axudas da Xunta de Galicia á I+D+i.

A directora de Gain destacou en Lugo que se trata da primeira vez en que se presentan todos os apoios públicos á investigación e á innovación da Xunta de Galicia co obxectivo de facilitar o seu acceso aos axentes do sistema galego de innovación, especialmente ás pemes, ofrecendo unha visión completa. Ademais, subliñou o aumento tanto no número de solicitudes como de axudas á innovación concedidas por Gain e Igape na provincia de Lugo, unha melloría que achacou á apertura da oficina Conecta Lugo en colaboración coa Confederación Empresarial de Lugo.

Por exemplo, na liña InnovaPeme, dirixida á implantación de plans de innovación por pemes, Lugo conseguiu aumentar a súa participación nos dous últimos anos (2021-2022) chegando a supoñer case unha quinta parte do total galego e incrementado o número de axudas concedidas nun 50% respecto á anterior convocatoria de 2021; na primeira edición de Bonos de Innovación, enfocada á incorporación por primeira vez da innovación en pemes, as entidades de Lugo acadaron o 14% das axudas concedidas; e na aceleradora Galicia Avanza, orientada á internacionalización da innovación, representaron o 30% dos beneficiarios.

Pola súa banda, nas axudas do Igape de loxística avanzada o comportamento da provincia de Lugo tamén foi bo, representando o 17% das solicitudes recibidas, así como nas solicitudes recibidas na liña de Dixitalización Industria 4.0, pasando a provincia de Lugo do 5,3% en 2021 ao 13,9% no 2022.

Pola súa banda, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, puxo hoxe de relevo a aposta de Galicia pola innovación dentro da actividade marítimo-pesqueira co obxectivo de avanzar na sustentabilidade e a competitividade do sector. Neste sentido, destacou as dúas ordes de axudas dirixidas a propietarios de buques e ás súas organizacións e ao sector acuícola postas en marcha pola Consellería do Mar co fin de mellorar as condicións ambientais e os efectos sobre o medio ambiente nas súas actividades.

O Goberno galego destina este ano arredor de 530.000 euros para o conxunto destas convocatorias –cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP)– para impulsar a competitividade, o desenvolvemento tecnolóxico e sustentabilidade do sector a través de proxectos de innovación que poden desenvolverse en colaboración con organismos científicos ou técnicos recoñecidos polo Estado ou pola comunidade autónoma de Galicia.

No evento celebrado en Lugo explicáronse as axudas das distintas consellerías da Xunta de Galicia dirixidas a autónomos e pequenas e medianas empresas e expuxéronse casos de éxito de empresas que foron capaces de mellorar a súa competitividade a través destes incentivos da Xunta de Galicia. Así, participaron as pemes BioBocado, empresa de recente creación dedicada á fabricación de comida ecolóxica e menús saudables para levar; Nova Industria Galega (Nigal), startup centrada no tratamento de datos mediante técnicas avanzadas de machine learning que teñen como fin mellorar a toma de decisións das organizacións; e Jim Sports Technology, dedicada a importar, fabricar e distribuír material deportivo a través de diferentes empresas.

En total, o mapa inclúe 38 instrumentos de apoio de seis consellerías a través dos que se prevé mobilizar en 2023 preto de 400 millóns de euros. É o resultado do traballo da Comisión Interdepartamental de I+D+i da Xunta de Galicia, un órgano creado no ano 2021 co obxectivo de potenciar a planificación e coordinación dos obxectivos, actuacións, instrumentos e fondos da Comunidade en materia de I+D+i. Os apoios recollidos neste mapa, vertebrados en base ás prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, cobren todas as etapas e axentes da I+D+i: desde o emprendemento e a innovación empresarial, ata a contratación de persoal para realizar tarefas de I+D+i, pasando pola proxección exterior e a internacionalización, a colaboración entre axentes e o fortalecemento dos centros tecnolóxicos e de coñecemento.

Próximas xornadas

Esta xornada, que se enmarca no ciclo de Networkings Galicia Empresa organizados pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, dá continuidade ás celebradas xa en Ourense e Vigo e rematará o 28 de febreiro na Coruña. Así mesmo, está prevista a celebración de xornadas sectoriais centradas na innovación social; o sector primario; a loxística e a enxeñaría; e na minaría, enerxía e construción.

Nestes encontros sectoriais abordaranse as tendencias de innovación e como está máis preto da realidade empresarial do que se cre, acompañados de expertos na materia e achegando a experiencia de empresas galegas innovadoras. Os eventos sectoriais celebraranse na sede da Axencia Galega de Innovación e online nas seguintes datas: 2 de marzo, centrado en A innovación social como panca do benestar da sociedade galega; 8 de marzo, A innovación no sector primario, transformando os recursos en competitividade; 15 de marzo, O valor da función loxística e as enxeñarías na innovación empresarial; e o 22 de marzo, O futuro da minaría, a enerxía e a construción sostible a través da innovación.

Convocatoria aberta de Bonos de Innovación

Na xornada tamén se informou de que permanece aberta ata o vindeiro 10 de abril a convocatoria Bonos de Innovación, que conta nesta edición cun orzamento de 750.000 euros, cos que se prevé mobilizar más dun millón, co obxectivo de impulsar os primeiros pasos para innovar nas microempresas e pemes, a través da contratación de servizos externos de axentes innovadores para conseguir un salto cualitativo e cuantitativo na súa actividade de I+D+i a curto prazo.

Como principais novidades nesta convocatoria, amplíanse os posibles beneficiarios ás entidades do terceiro sector, sempre que teñan actividade económica, e as actividades obxecto de axuda, incluíndo actuacións de deseño ou as bonificacións de persoal investigador. Para axilizar a tramitación apóstase por unha maior simplificación administrativa e o prazo de solicitude é de dous meses. Por último, as entidades localizadas nos Concellos Emprendedores da Xunta de Galicia contarán con puntuación adicional segundo os criterios de baremación.