Conde apunta que os premios Bioga reivindican o talento do sector biotecnolóxico en Galicia

2023-01-20
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, clausurou hoxe o acto de entrega destes galardóns, onde subliña que o reto está en conseguir que a biotecnoloxía e as empresas biotech teñan cada vez maior impacto na economía galega
  • Destaca o valor estratéxico do sector, conformado por máis de 150 empresas con 4.000 postos de traballo asociados
  • Resultaron galardoados SunRock Biopharma, Granja Campomayor, BFlow e o proxecto CanTher

Vigo, 20 de xaneiro de 2023.- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe na gala de entrega dos X Premios Bioga que estes galardóns son unha reivindicación do talento que sustenta o sector biotecnolóxico galego, así como do seu carácter emprendedor; da súa capacidade para atraer investimentos e xerar postos de traballo cualificado; e sobre todo dos resultados que se están a conseguir en campos como a saúde e a medicina, a alimentación ou a descarbonización da industria.

Na súa intervención, Conde salientou que o reto está en conseguir que a biotecnoloxía e as empresas biotech teñan cada vez maior impacto na economía galega polo valor estratéxico que vai ter este sector, conformado por máis de 150 empresas con 4.000 postos de traballo asociados. Ademais, tal e como lembrou o vicepresidente primeiro, Galicia sitúase como a segunda comunidade onde máis empresas naceron no ano 2021.

Para seguir consolidando o sector, a Xunta conta coa Estratexia de Consolidación do Sector Biotecnolóxico 2021-2025, que prevé mobilizar 662 millóns de euros. Ademais, están en marcha iniciativas como o Polo da Sionlla ou o Hub de Innovación Dixital Datalife.

Nos premios organizados polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), resultaron galardoados SunRock Biopharma, na categoría de bioempresa máis competitiva; Granja Campomayor, no premio para bioempresas innovadoras; BFlow, como bioempresa xove; e o proxecto CanTher, na categoría de bioidea empresarial.