A Xunta participa en tres novos proxectos a nivel europeo en materia de innovación

2023-01-15
  • As iniciativas, nas que están presentes entidades de máis de 30 rexións e cuxa duración se prolongará ata 2026, mobilizarán máis de 1,1 M€ na Comunidade
  • Permitirán impulsar a dixitalización da industria galega, en especial das pemes; favorecerán a utilización de intelixencia artificial a través de actividades de demostración co apoio de Gradiant e Innolact; e proporán modelos de xestión colaborativa para reforzar os servizos dos hubs de innovación dixital
  • Un dos proxectos contribuirá a aumentar o impacto do Polo Aeroespacial de Galicia no tecido produtivo

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2023.- A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, participará en tres novos proxectos europeos de colaboración en innovación financiados pola Comisión Europea que mobilizarán máis de 1,1 M€ na Comunidade e permitirán impulsar a dixitalización da industria galega, en especial das pemes, e aumentar o impacto do Polo Aeroespacial de Galicia no tecido produtivo, así como impulsar novas liñas de traballo e proxectos de innovación en colaboración internacional.

Entre os tres proxectos suman a participación de entidades de máis de 30 rexións europeas, na súa maioría administracións rexionais – como a propia Axencia -, pero tamén centros tecnolóxicos e empresas. Estas novas actividades botarán a andar neste mes de xaneiro e manteranse en funcionamento ata 2026.

Un destes proxectos denomínase AI Redgio e está financiado polo Programa Horizonte Europa, o programa marco de financiamento da I+D+i a nivel europeo. Ademais da Axencia Galega de Innovación, por parte de Galicia participan tamén o centro tecnolóxico Gradiant e a peme lucense de Castro de Rei Innolact, mobilizando na Comunidade máis de medio millón de euros. O obxectivo do proxecto é a realización de demostracións que permitan comprobar os beneficios da intelixencia artificial nas empresas manufactureiras e procesadoras. Para facelo, ofreceranse ás empresas actividades propias do concepto didactic factory, algo novidoso en Galicia. Ademais, o proxecto dedicará parte do seu financiamento a apoiar que as pemes experimenten coa intelixencia artificial, para o que organizará convocatorias específicas de financiamento en cascada.

Best DIH é o nome doutra destas iniciativas financiada polo programa Interreg Europe e centrada en apoiar a dixitalización das empresas. Neste caso, farao impulsando a colaboración e oferta de servizos conxuntos entre os Hubs de Innovación Dixital (DIH nas súas siglas en inglés) de diferentes rexións, especialmente entre os designados EDIH (European Digital Innovation Hub) pola Comisión Europea, e proporá modelos novidosos de xestión para lograr que estas colaboracións reforcen o servizo que os DIH prestan ás empresas, especialmente ás pemes. Outro obxectivo perseguido neste proxecto no que participa a Axencia Galega de Innovación, cunha mobilización na Comunidade de 388.000 euros, é o impulso de novos proxectos de colaboración en materia de innovación dixital entre os hubs e empresas das rexións participantes.

A terceira destas iniciativas responde ao nome de MAE (Moving Towards Aerospace), financiada polo programa Interreg Europe e que servirá de apoio á actividade que está a desenvolver o Polo Aeroespacial de Galicia. Cun investimento na Comunidade de 188.600 euros, servirá para deseñar, xunto con outras iniciativas similares sitas noutras rexións participantes, novos mecanismos e programas que permitan maximizar o impacto destas iniciativas nas empresas. Tamén favorecerá o impulso de novas liñas de traballo e proxectos de innovación en colaboración transnacional que poderían presentarse ás convocatorias de Horizonte Europa presentadas recentemente pola Comisión Europea para o período 2023-2024.