A Xunta destaca que o proxecto Efifactory de Borgwarner e CTAG demostra o efecto multiplicador da suma de industria e coñecemento

2023-01-10
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou en Vigo na presentación de resultados desta iniciativa impulsada dentro do programa de Fábrica Intelixente da Axencia Galega de Innovación
  • Cun investimento público-privado de 2,5 millóns de euros, centrouse en ámbitos como a xestión intelixente de operacións, a automatización avanzada, a loxística 4.0 ou a eficiencia enerxética
  • Resalta a aposta por Galicia de Borgwarner, que vai desenvolver un novo centro técnico en Nigrán ao que se destinarán 12 millóns de euros, contando cun apoio da Administración autonómica de 5 millóns de euros

Vigo, 10 de xaneiro de 2023.- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou esta mañá en Vigo que o programa Efifactory, que forma parte do programa Fábrica Intelixente da Xunta de Galicia, demostra que a suma da industria e o coñecemento ten un efecto multiplicador. Conde agradeceu o traballo desenvolto polos técnicos e investigadores do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e Borgwarner, e subliñou a aposta desta compañía por Galicia, lembrando que vai desenvolver un novo centro técnico en Porto do Molle (Nigrán) ao que se destinarán 12 millóns de euros, contando cun apoio da Axencia Galega de Innovación de 5 millóns de euros.

O responsable de Economía, Industria e Innovación apuntou que Efifactory responde á visión industrial e de innovación que ten Borgwarner e a todo o coñecemento que o CTAG foi acumulando, así como ao obxectivo de Galicia no eido da innovación, que é a diferenciación tecnolóxica. Sinalou que este proxecto lle está permitindo á planta de Borgwarner ser máis competitiva e posicionarse dentro do grupo.

Tal e como subliñou Conde, Efifactory enmárcase na aposta pola descarbonización, a automatización de procesos e no vehículo do futuro: eléctrico, autónomo e conectado. Cun investimento público-privado de 2,5 millóns de euros, a iniciativa centrouse en ámbitos como a xestión intelixente de operacións, a automatización avanzada, a loxística 4.0 ou a eficiencia enerxética.