A Xunta ampliará a oferta de actividades de fomento das vocacións científicas en Ferrol para 2023

2022-12-15
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, asistiu esta mañá no CIS Tecnoloxía e Deseño a dous obradoiros do Programa D´tec, nos que participou alumnado de bacharelato do IES Moncho Valcarce
  • Aos obradoiros, espectáculos e proxectos nas aulas sumaranse en 2023 sesións de cinema científico durante o verán dirixidas ás familias e campamentos científicos no verán e no Nadal

Ferrol, 15 de decembro de 2022.- A directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Patricia Argerey, sinalou esta mañá no CIS Tecnoloxía e Deseño en Ferrol que o vindeiro ano ampliarase a oferta de actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas no marco do Programa D´tec. Aos obradoiros, espectáculos, proxectos nas aulas e visitas, sumaranse en 2023 catro sesións de cinema científico de verán dirixidas a familias e dous campamentos científicos dunha semana de duración, un no verán e outro no Nadal.

A directora da Axencia Galega de Innovación fixo este anuncio no marco dunha visita do IES Moncho Valcarce das Pontes de García Rodríguez ao CIS Tecnoloxía e Deseño para participar en dous obradoiros do Programa D´tec: “Os mundos virtuais”, no que se fai un achegamento á creación de contidos en realidade virtual e aumentada, e “Descubrindo os novos materiais”.

Ambas actividades forman parte do Programa D´tec, unha iniciativa posta en marcha pola Xunta de Galicia hai tres anos co obxectivo de promover o interese e a vocación dos máis novos pola ciencia e a tecnoloxía, en especial naqueles ámbitos de coñecemento vencellados á actividade do centro de innovación e servizos, como a Realidade Virtual e Aumentada, a Industria 4.0, o deseño e os materiais innovadores.

Desde a súa posta en marcha no 2019, este programa, dirixido a estudantes de primaria, secundaria, bacharelato, ciclos formativos e a toda a comunidade educativa de Galicia, desenvolveu 94 actividades entre espectáculos, obradoiros e proxectos nas aulas, ás que asistiron máis de 4.000 estudantes procedentes de 85 centros.

Este programa súmase a outras iniciativas da Axencia Galega de Innovación no ámbito do fomento das vocacións científico-tecnolóxicas como o programa “Voando alto, sumando vocacións”, no ámbito do sector aeroespacial; así como outros programas nos que colabora como EdutecEmprende da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que ten como obxectivo motivar e sensibilizar ao alumnado no espírito emprendedor a través do coñecemento da realidade empresarial e tecnolóxica da súa contorna, así como promover a súa achega ás áreas STEM; ou as actividades de divulgación científica doutras entidades como o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), con actividades como a feira Galiciencia e as Aulas Tecnópole, así como a Fundación Eduardo Pondal coas súas Aulas Isidro Parga Pondal.