A Xunta traslada a InvestiGal que o decreto que regulará o estatuto do persoal de investigación da administración autonómica reforzará a captación e retención de talento

2022-11-30
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, mantivo un encontro con Elena Lendoiro e Zulema Varela, en representación da Rede Galega de Investigación
  • A nova norma persegue establecer un marco común, dar estabilidade e posibilitar o desenvolvemento profesional do persoal de investigación da Xunta de Galicia e das súas entidades instrumentais
  • Reforzaranse as capacidades investigadoras dos centros públicos en sectores estratéxicos para Galicia como a biotecnoloxía, a saúde, as ciencias mariñas ou o sector agrogandeiro
  • Favorecerá a mobilidade, promoverá a colaboración entre o tecido investigador e o tecido empresarial e estimulará a realización de actividades empresariais por parte do persoal de investigación

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2022 A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, reuniuse con Elena Lendoiro e Zulema Varela, presidenta e tesoureira respectivamente da asociación InvestiGal (Rede Galega de Investigación). O encontro forma parte da rolda de contactos para abordar o novo decreto que está a tramitar a Xunta de Galicia para aprobar un estatuto que fixe o marco regulador do persoal de investigación (persoal investigador e técnico) dos centros públicos dependentes da Administración autonómica e das súas entidades instrumentais.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, salientou que a futura norma non só se fomentará a captación e retención de talento, senón que se reforzarán as capacidades investigadoras dos centros públicos en sectores estratéxicos para Galicia como a biotecnoloxía, a saúde, as ciencias mariñas ou o sector agrogandeiro, entre outros. Argerey salientou entre as vantaxes da norma que se está a tramitar que permite a estabilización do persoal actual e fixa o camiño para a contratación de persoal futuro, ofrecendo unhas condicións de traballo atractivas.

O decreto, que acaba de pechar a fase de consulta pública previa para recabar a opinión da cidadanía e dos colectivos afectados, está sendo actualmente negociado cos sindicatos con representación na Xunta de Galicia. Posteriormente, darase a coñecer un borrador de decreto e exporase publicamente, co fin de que a norma sexa o resultado dun proceso de consenso entre todos os axentes. Prevese a súa aprobación durante o primeiro semestre de 2023.

Na reunión, a directora da Axencia Galega de Innovación subliñou a importancia do talento investigador para o Sistema de ciencia e innovación, polo que se fai preciso dispor dun marco de condicións de traballo que garanta a estabilidade e o crecemento profesional. Ademais, apuntou que entre as vantaxes da nova norma se atopa a flexibilidade que ofrece o réxime laboral, facilidades para a mobilidade do persoal, así como para a colaboración entre o tecido investigador e o tecido empresarial e o desenvolvemento de actividades empresariais por parte do persoal de investigación por conta propia ou allea, con reserva de posto no centro de orixe.