A Xunta felicita a Atiga no seu décimo aniversario pola súa contribución á transformación do tecido produtivo galego

2022-11-22
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá na xornada “Recordos do futuro: Encontro empresarial sobre innovación tecnolóxica” organizada pola Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga)
  • Os sete centros tecnolóxicos galegos que integran Atiga suman unha carteira de máis de 2000 clientes, 1700 investigadores e tecnólogos, desenvolven máis de 450 proxectos de I+D+i anuais e contan con 141 patentes

Vigo, 22 de novembro de 2022.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá na inauguración da xornada Recordos do futuro: Encontro empresarial sobre innovación tecnolóxica, organizada pola Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga) con motivo do seu décimo aniversario. Na súa intervención, Argerey felicitou aos centros tecnolóxicos que conforman a Alianza, “referentes nos seus respectivos sectores e tecnoloxías, pola súa contribución ao ecosistema de I+D+i galego, como aliados estratéxicos dos principais sectores industriais de Galicia na súa transformación dixital e verde, pero, sobre todo, como vector de transformación das nosas pemes, a través da innovación, cunha carteira de clientes de máis de 2000 empresas”.

A directora de Gain lembrou tamén o papel que xogan os centros tecnolóxicos no impulso á innovación aberta ou innovación en colaboración, contribuíndo a mellorar o posicionamento de Galicia entre as rexións máis abertas de Europa. Galicia pasou nos últimos tres lustros de estar entre o 25% de rexións menos colaborativas a formar parte do 50% de rexións máis abertas de Europa.

Así mesmo, destacou o talento que reúnen, a través dos máis de 1700 investigadores e investigadoras, tecnólogos e enxeñeiras que traballan nos sete centros tecnolóxicos, e a súa excelencia, destacando por riba da media nacional na captación de financiamento europeo. De feito, a participación dos centros tecnolóxicos galegos no programa Horizonte 2020 pasou de representar un 13% a un 26,5% do total captado polas entidades galegas en comparación co anterior programa marco comunitario.

Por último, a directora afirmou que este esforzo ten impacto na economía real: na cifra de negocios das empresas, nas exportacións e no PIB galego ao tempo que anunciou que a Xunta de Galicia seguirá apoiándoos para reforzar o seu efecto panca sobre as pemes, e para axudarlles a crecer, para gañar un mellor posicionamento e contribuír así a que o desenvolvemento de tecnoloxías e a innovación galega sexan un referente en Europa.

Diálogos e exposición sobre innovación

Durante o encontro, celebráronse tamén diálogos entre os sete centros tecnolóxicos e sete empresas coas que cada un deles colaborou no desenvolvemento de diferentes proxectos de I+D+i. En concreto, os diálogos foron entre: Aimen e Syspro; Anfaco-Cecopesca e Hifas da Terra; Cetim e Indutec Enxeñeiros; CTAG e Beta Implants; Energylab e Xestión do Valor e Solucións; Gradiant e Councilbox; e entre ITG e Himikode. Ademais, a xornada contou cunha zona expositiva na que cada un dos sete centros tecnolóxicos contou cun espazo para amosar os seus últimos avances e innovacións.

Atiga en cifras

Os sete centros tecnolóxicos galegos que integran Atiga (Anfaco-Cecopesca, Cetim, CTAG, Energylab, Gradiant e ITG) acadaron o pasado ano uns ingresos agregados de 90 millóns de euros, suman unha carteira de máis de 2000 clientes e contan cun persoal de 1700 investigadores e tecnólogos. Estes sete centros desenvolven ao longo do ano máis de 450 proxectos de I+D+i, unha parte importante deles de ámbito europeo e internacional, e contan con 141 patentes propias ou en colaboración.