A Xunta impulsa a colaboración de Anfaco-Cecopesca e o grupo Angulas Aguinaga para innovar na produción de moluscos

2022-11-10
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou en Cambados na presentación de Promogal, a nova Unidade Mixta de Investigación a través da cal o centro tecnolóxico e o grupo empresarial vasco avanzarán na aplicación de procesos de transformación máis sostibles e intelixentes e no desenvolvemento de produtos novos e máis saudables
  • Esta Unidade Mixta é a quinta na que participa Anfaco-Cecopesca e unha das 55 desenvolvidas en Galicia desde a posta en marcha deste programa da Administración autonómica que ten mobilizado preto de 155 millóns de euros

Cambados (Pontevedra), 10 de novembro de 2022.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá no acto de presentación da nova Unidade Mixta de Investigación Promogal, impulsada polo centro tecnolóxico Anfaco-Cecopesca e as empresas Lagumar Seas e Angulas Aguinaga (ambas as dúas do grupo Angulas Aguinaga) que investigará nos vindeiros tres anos para mellorar a produción dos moluscos incorporando tecnoloxías avanzadas e dixitalización.

A directora da Axencia Galega de Innovación destacou a relevancia desta Unidade Mixta na modernización dun sector estratéxico para Galicia, como é o da industria do mar e o da industria transformadora dos produtos da pesca, así como na atracción cara a Galicia dunha grande empresa como Angulas Aguinaga, líder en innovación, que opta por desenvolver a súa I+D+i en Galicia da man do centro tecnolóxico Anfaco-Cecopesca e o apoio da Xunta de Galicia.

Argerey subliñou o efecto tractor que se agarda que teña esta Unidade Mixta, dotada cun orzamento de 1,8 millóns de euros, sobre toda a cadea de valor da industria do mar e do medio mariño a través do desenvolvemento de novas liñas de negocio, a introdución de tecnoloxías na industria transformadora dos produtos do mar e a xeración de emprego de calidade.

A directora da Axencia Galega de Innovación apuntou tamén que esta Unidade Mixta está aliñada cos retos e prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia na medida en que contribúe a unha xestión máis innovadora dos recursos a través da innovación, a avanzar cara a un novo modelo industrial e un novo modelo de vida saudable, a través do desenvolvemento de alimentos funcionais e máis saudables. Ademais, está comprometida cos retos da sustentabilidade, a dixitalización e as persoas.

Esta Unidade Mixta abordará tres liñas de investigación e innovación: a primeira, centrada na produción acuícola, para o desenvolvemento de procesos de cultivo de mexillón economicamente eficientes; a segunda, orientada á transformación da materia prima e á calidade e seguridade dos produtos, tratando de mellorar a calidade e a seguridade do mexillón e do polbo transformado; e a terceira, no campo da transformación dixital dos procesos produtivos da empresa, traballando na integración de ferramentas de intelixencia artificial para prestar soporte á toma de decisións nos procesos produtivos.

Nela participan o centro tecnolóxico Anfaco-Cecopesca, un centro de coñecemento que atende as necesidades de I+D+i da industria mariña e alimentaria galega e funciona como dinamizador da innovación empresarial, e as empresas Lagumar Seas e Angulas Aguinaga, unha das empresas máis importantes do sector en España e líder en innovación de procesos, particularmente no desenvolvemento de produtos do mexillón.

Cooperación para impulsar a I+D+i

As Unidades Mixtas de Investigación son un instrumento de cooperación entre organismos de investigación e o tecido empresarial impulsado pola Xunta de Galicia para desenvolver conxuntamente actividades de I+D+i estratéxicas para Galicia co obxectivo de impulsar a transferencia ao tecido industrial e a atracción de empresas cara a Galicia. Esta é a quinta Unidade Mixta impulsada polo centro tecnolóxico Anfaco-Cecopesca. En total, desde a posta en marcha deste programa en 2014, a Xunta de Galicia apoiou 55 Unidades Mixtas de Investigación, coa participación de 39 empresas —a maioría grandes compañías- e 14 centros de coñecemento e un investimento mobilizado de preto de 155 millóns de euros.