A Xunta destaca o papel de Aimen na introdución de tecnoloxías de fabricación avanzada na industria galega

2022-11-10
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta mañá en Vigo na apertura das XVI Xornadas de Procesado de Materiais con Tecnoloxías Láser
  • Argerey pon en valor o papel dos centros tecnolóxicos como dinamizadores da I+D+i empresarial e da innovación aberta e a súa competitividade a nivel nacional e internacional

O Porriño (Pontevedra), 10 de novembro de 2022.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta mañá no Porriño na inauguración das XVI Xornadas de Procesado de Materiais con Tecnoloxías Láser organizadas polo centro tecnolóxico Aimen que se celebran hoxe e mañá no seu Centro de Aplicacións Láser. Neste contexto, Argerey destacou o papel do centro tecnolóxico na transformación dixital e verde da industria e na dinamización da I+D+i entre o tecido empresarial.

“Precisamente, estas xornadas centradas nas aplicacións industriais e na investigación en tecnoloxías láser”, apuntou, “permiten dar a coñecer ao tecido produtivo a aplicación práctica a nivel industrial desta tecnoloxía, así como aplicacións concretas dirixidas á industria da automoción e manufactureira”, contribuíndo deste xeito á transferencia desta tecnoloxía ás empresas. A directora da Axencia Galega de Innovación tamén destacou o papel dos centros tecnolóxicos como aliados estratéxicos dos principais sectores industriais de Galicia na execución de actividades de I+D+i en colaboración, contribuíndo así a posicionar a Comunidade entre as rexións europeas nas que se fai máis innovación en colaboración ou innovación aberta.

Por último, subliñou a competitividade dos centros tecnolóxicos galegos a nivel nacional e internacional, tal e como se pon de manifesto no retorno obtido polas entidades galegas en programas como Horizonte 2020 —191 millóns de euros, un 120% máis que no anterior programa marco comunitario-, no que destaca o papel desempeñado por Aimen como segunda entidade galega en captación de fondos.

As XVI Xornadas de Procesado de Materiais con Tecnoloxías Láser reúnen a investigadores, desenvolvedores e empresas usuarias desta tecnoloxía, coa participación de máis de 100 expertos de países como Alemaña, Francia, Grecia, Israel, Italia e Portugal.