A Xunta reafirma a súa aposta pola colaboración interrexional para impulsar a transformación dixital e a innovación na Semana Europea das Rexións e das Cidades 2022

2022-10-12
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, pon en valor como unha das fortalezas do ecosistema galego de innovación a cooperación e reivindica os fondos europeos Next Generation como unha oportunidade para impulsar a transición dixital desde a cooperación e a especialización intelixente
  • Na súa aposta pola dixitalización, Galicia impulsa os Hubs de Innovación Dixital como unha plataforma para acompañar ás pemes no seu acceso ás tecnoloxías dixitais
  • A integración destes na rede europea permitirá ás pemes galegas ter un maior acceso a programas como Digital Europe e a un amplo abano de recursos nos seus procesos de transformación dixital

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2022 A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, interviu esta tarde de xeito telemático nunha xornada sobre a transición dixital a través da conexión dos ecosistemas de innovación rexional organizada pola Vanguard Initiative na sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas no marco da Semana Europea das Rexións e das Cidades 2022.

Na súa intervención, a directora de Gain subliñou a importancia da colaboración interrexional para impulsar a innovación e a competitividade de rexións como Galicia e de Europa no seu conxunto e destacou que precisamente unha das fortalezas do ecosistema galego de innovación é a cooperación. De feito, o último informe do Regional Innovation Scoreboard 2021 apuntaba como un dos indicadores nos que Galicia amosaba melloras importantes a colaboración das pemes con outras empresas e axentes, que medrou un 40% no período 2014-2020. Así mesmo, o dato relativo aos fondos captados polas entidades galegas do programa de I+D+i da Unión Europea, Horizonte 2020, respecto ao anterior programa marco comunitario é moi positivo —un 120%-, o que pon de manifesto un maior grao de competitividade do ecosistema galego de innovación.

Argerey reivindicou a oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation, que priorizan actuacións nos eidos da transición dixital e ecolóxica, para impulsar a dixitalización en Europa desde a cooperación —entre axentes dentro do ecosistema pero tamén entre ecosistemas- e a especialización, como marcan as Estratexias de Especialización Intelixente (RIS3) de cada rexión.

Precisamente para aproveitar esta oportunidade e dar resposta ao reto que supón a transformación dixital para o tecido produtivo galego, composto maioritariamente por micro e pequenas empresas, Galicia apostou por un instrumento, os Hubs de Innovación Dixital (DIH nas súas siglas en inglés), como unha plataforma para acompañar ás pemes no seu acceso ás tecnoloxías dixitais, especialmente a aquelas tecnoloxías máis disruptivas. A súa recente integración na rede europea de DIH permitirá ás pemes galegas ter un maior acceso a programas como Digital Europe e a un amplo abano de recursos nos seus procesos de transformación dixital.

Por último, Argerey subliñou a importancia da Vanguard Initiative nesta aposta pola transformación dixital do tecido produtivo, como alianza que reúne a 39 das rexións industriais máis avanzadas de Europa —da que Galicia forma parte- e que está enfocada a estimular a innovación industrial e construír cadeas de valor europeas baseadas en complementariedades nas súas estratexias rexionais de especialización intelixente.