Galicia expón a súa traxectoria en compra pública de innovación nun encontro internacional en Portugal
2026-03-19
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2022.- A Xunta de Galicia ten aberto o prazo para solicitar axudas no marco da segunda edición do programa Doutoramento Industrial co que apoia a contratación de persoal doutorando por parte de empresas e centros tecnolóxicos e de innovación para a realización da súa tese nunha contorna empresarial.
Estas teses deben estar orientadas ao desenvolvemento dun proxecto de investigación industrial que resolva problemas ou necesidades da empresa ou centro e deben implicar unha colaboración efectiva entre ambas as dúas mediante convenio. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 4 de novembro.
Mediante esta convocatoria conxunta entre a Vicepresidencia primeira e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a Xunta investirá 1,89 millóns de euros para apoiar a contratación de 15 doutorandos do sistema universitario galego en empresas e centros tecnolóxicos con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, 12 doutorandos en empresas e 3 en centros de innovación e tecnoloxía.
A solicitude ten que ser presentada pola empresa ou centro de innovación e tecnoloxía que deberá propor o proxecto de investigación industrial e a persoa candidata doutoranda, así como o compromiso de colaboración da universidade. O contrato deberá formalizarse pola empresa con persoal investigador predoutoral en formación matriculado nun programa oficial de doutoramento dunha universidade do Sistema Universitario Galego e terá unha duración non inferior a 1 ano nin superior a 3.
As axudas do programa Doutoramento Industrial inclúen os custos de contratación do investigador na empresa ou centro tecnolóxico, apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro, así como gastos relacionados coa realización do proxecto tanto na empresa como na universidade.
Este programa enmárcase na aposta da Xunta polo talento e o emprego de calidade, e trata de posicionar Galicia como rexión atractiva para o desenvolvemento da carreira investigadora. Búscase promover a mobilidade e colaboración e a transferencia de coñecemento, potenciar a formación de mozos e mozas investigadores e posibilitar a súa incorporación ás empresas e centros tecnolóxicos, así como fortalecer a vinculación entre o tecido produtivo e as universidades galegas.
Deste xeito, todas as partes benefícianse da axuda: a empresa ou centro de innovación e tecnoloxía porque aumenta a súa capacidade de I+D+i e resolve unha necesidade de investigación industrial; a persoa doutoranda porque facilita a incorporación de persoal investigador doutor á contorna empresarial; e a universidade porque se promove a transferencia do seu coñecemento e se potencia a colaboración co tecido empresarial.
A primeira convocatoria de Doutoramento Industrial xa permitiu a contratación de 15 estudantes. O programa completa as medidas que desde o Goberno galego se están poñendo en marcha co obxectivo de apoiar o talento e crear emprego de calidade no eido da investigación, como Oportunius, Talento Sénior; Principia; Ignicia e os programas de apoio ás etapas predoutoral e posdoutoral.