A Xunta pon en valor o traballo de Gradiant para achegar ao tecido produtivo solucións tecnolóxicas innovadoras

2022-10-03
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou en Vigo na apertura da “Demoweek” que presentará ata o venres os desenvolvementos do centro tecnolóxico en ámbitos como a conectividade e 5G, a intelixencia artificial, a ciberseguridade, os drons e a industria intelixente

Vigo, 3 de outubro de 2022.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou esta mañá no marco da apertura da Demoweek de Gradiant a importancia deste tipo de xornadas de portas abertas para avanzar na transferencia de coñecemento ao tecido empresarial e, polo tanto, impulsar a súa competitividade, contribuíndo así a unha Galicia máis innovadora, dixital e sustentable.

Argerey apuntou que a través desta serie de xornadas nas que o centro tecnolóxico achega ao tecido produtivo os desenvolvementos tecnolóxicos en distintos ámbitos nos que traballa —a conectividade e o 5G, a intelixencia artificial, a ciberseguridade, os drons e a industria intelixente- non só se dinamiza a innovación entre as empresas galegas e estatais, senón que permite aliñar a ciencia e a tecnoloxía que se fai no sistema galego de innovación coas necesidades e retos da sociedade.

A directora da Axencia Galega de Innovación puxo como exemplo da investigación punteira que está a realizar o centro tecnolóxico en ámbitos como a ciberseguridade as dúas Unidades Mixtas de Investigación nas que está a participar respectivamente coas empresas Telefónica e Councilbox Technology, así como as spinoffs que impulsou o centro para levar ao mercado a tecnoloxía desenvolvida —actualmente está traballando na creación da súa terceira spinoff-.

Así mesmo, destacou o papel de Gradiant no ámbito dos vehículos aéreos non tripulados a través da súa colaboración cos socios estratéxicos da Xunta de Galicia no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, tanto no periodo 2015-2020 como no 2021-2025.