O Centro Mixto de Investigación Magna-Ctag permitirá avanzar no desenvolvemento de armaduras de asento de nova xeración para a automoción

2022-09-27
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta mañá no Porriño nun encontro de lanzamento deste centro mixto de investigación, un dos tres primeiros creados, que mobilizará 3,9 millóns de euros ata 2025
  • Esta nova estrutura dá continuidade ás Unidades Mixtas de Investigación nas que a Xunta de Galicia, a empresa e o centro tecnolóxico teñen investido case 8,2 millóns de euros desde 2015 para avanzar nestas liñas de investigación
  • A Administración autonómica apoiou ata a data 55 Unidades Mixtas de Investigación desenvolvidas en Galicia, coa participación de 39 empresas, na súa maioría grandes compañías, e 14 centros de coñecemento, e un investimento mobilizado de case 155 millóns de euros

O Porriño (Pontevedra), 27 de setembro de 2022.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, asistiu esta mañá na sede da empresa Magna Seating Vigo ao encontro de lanzamento do Centro Mixto de Investigación Magna-Ctag (Cenit), dirixido a ampliar a investigación ao redor do desenvolvemento de armaduras de asento funcionais de nova xeración que dean resposta aos novos esquemas de mobilidade, especialmente a eléctrica. Deste xeito, perseguen desenvolver novos produtos de elevado valor engadido e á vangarda da técnica transformando, en paralelo, o sistema produtivo da empresa mediante a dixitalización e aumentando así a súa competitividade nunha contorna global.

A directora destacou a contribución deste centro mixto ao posicionamento de Galicia como xerme de proxectos de I+D+i de automoción de alto impacto, á mellora da capacidade de absorción de coñecemento e ao impulso á transferencia de resultados dos centros tecnolóxicos á industria, grazas á sólida colaboración entre Magna, provedora de fabricantes de automóbil de talla mundial, e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), que dispón dos coñecementos e das competencias en desenvolvemento de produto e fábrica de futuro para dar apoio ás empresas de automoción en Galicia.

De feito, este novo centro ten como finalidade manter e fortalecer a alianza estratéxica iniciada no 2015-2018 coa creación da Unidade Mixta de Investigación que, posteriormente, tivo continuidade no periodo 2018-2021 coa consolidación da mesma. En conxunto, a Xunta de Galicia, Magna e CTAG teñen investido case 8,2 millóns de euros dende 2015 para avanzar nestas liñas de investigación.

Os Centros Mixtos de Investigación son unha das novidades da convocatoria 2022 do programa de Unidades Mixtas de Investigación da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación. Esta nova tipoloxía de alianza entre unha empresa tractora e un centro de investigación ten como obxectivo dar estabilidade a algúns dos proxectos máis importantes que se tiñan desenvolvido ata agora. En concreto, nesta edición apóianse tres Centros Mixtos de Investigación. Xunto ao de Ctag-Magna apóianse tamén o da UDC-Navantia (O estaleiro do futuro) e o de Cetaqua-Viaqua (CIGAT circular).

En total, a través das nove convocatorias deste programa, que ten como obxectivo xerar sinerxías entre empresas e centros de coñecemento para dar resposta aos retos da industria a través da investigación e da innovación, apoiáronse 55 Unidades Mixtas de Investigación desenvolvidas en Galicia, coa participación de 39 empresas, na súa maioría grandes compañías, e 14 centros de coñecemento, e un investimento mobilizado de case 155 millóns de euros. Así, esta iniciativa sitúa a Galicia como precursora no desenvolvemento de proxectos de I+D+i vinculados co novo modelo de industria dixital e sustentable, e tamén como referente no fomento da colaboración público-privada en liña cos retos estratéxicos e as prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia.