A Xunta publica a nova guía de financiamento comunitario 2021-2027

2022-09-06
  • Editada pola Fundación Galicia Europa, inclúe un manual de elaboración de proxectos europeos e fichas resumo de 43 programas de financiamento comunitario
  • O documento, dispoñible na web da FGE, pretende facilitar a adaptación dos axentes públicos e privados galegos ao novo período orzamentario da Unión Europea

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2022.- A Xunta vén de presentar a súa nova Guía de Financiamento Comunitario 2021-2027, unha publicación dirixida a entidades públicas e privadas galegas que aspiran a obter financiamento comunitario para os seus proxectos. Editada pola Fundación Galicia Europa (FGE), pódese descargar da nova páxina web da entidade, ademais de consultar en liña as fichas resumo dos programas de financiamento comunitario.

No documento explícase con detalle o marco financeiro 2021-2027, así como os fondos comunitarios na práctica. Ademais inclúese un manual de elaboración de proxectos europeos e fichas resumo de 43 programas de financiamento comunitario. Debido ás múltiples especificidades para presentar unha proposta ás convocatorias, a guía inclúe un manual para a elaboración e posta en marcha de proxectos financiados por este tipo de programas. Así, figuran consellos e recomendacións para elixir socios doutros países europeos, preparar a documentación ou comunicar o proxecto.

Así mesmo, no documento ofrécese o apoio da FGE ás entidades galegas interesadas en acceder ao financiamento comunitario, achegando información e asesoramento ou colaborando na procura de socios a escala europea. Cómpre sinalar tamén que o portal web da FGE recolle regularmente convocatorias e procuras de socios por parte de entidades doutros países, así como información detallada e actualizada sobre as posibilidades de financiamento da UE.

O ano 2021 foi o inicio dun novo período financeiro comunitario e os programas de xestión directa como Horizonte Europa abriron as súas primeiras convocatorias no verán. A Unión Europea dispón de liñas orzamentarias que apoian financeiramente a posta en marcha das súas políticas en diferentes eidos: investigación, saúde, protección ambiental, educación, cooperación con terceiros países, etc. Estas liñas son accesibles mediante a presentación de propostas de proxectos, nas que se esixen determinados requisitos como que teñan dimensión europea, que conten cun enfoque innovador ou que teña un efecto multiplicador con efectos que perduren no tempo. Nese senso, a nova Guía de Financiamento Comunitario 2021-2027, pretende servir como orientación para facilitarlles aos axentes públicos e privados participar en proxectos europeos

A Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Conta con dúas oficinas: unha presente en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 delegacións rexionais establecidas na capital comunitaria.