A Xunta destaca o traballo conxunto de Akwel e o CTAG como mostra da aposta que o sector da automoción está a facer pola innovación

2022-07-13
  • Conde apunta que das 46 Unidades Mixtas que se levan posto en marcha, 15 están especializadas no sector da automoción, cunha mobilización de 41,3M€ de investimento
  • Sinala que a convocatoria deste ano inclúe como principal novidade unha nova liña de axudas para a creación de centros mixtos de investigación cos que dar estabilidade a proxectos relevantes que se están a desenvolver en Galicia

Vigo, 13 de xullo de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe o traballo que Akwel e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) levan desenvolvido ao abeiro da Unidade Mixta de Investigación que conforman que, segundo dixo, demostra a aposta que esta industria está a facer pola I+D+i.

“Constátase o éxito deste modelo de colaboración, o éxito dos equipos, dos diferentes proxectos e a capacidade de Akwel en Vigo para converterse nun referente dentro do grupo como centro de excelencia”, afirmou Conde nunha visita ás instalacións da empresa para presentar os resultados da Unidade Mixta de Investigación na que colabora o CTAG. Ademais, Akwel, tamén participou no programa Fábrica Intelixente que a Xunta de Galicia puxo en marcha a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), o que suma un investimento mobilizado de preto de 5M€.

Conde tamén recoñeceu a implicación do CTAG e a súa disposición a dar soporte e novas capacidades ás empresas do sector, anticipándose ás novas tendencias e acompañándoas en proxectos como as Unidades Mixtas de Investigación.

Este programa leva mobilizado 130M€ desde os seus inicios a través de oito convocatorias nas que participan 13 centros de coñecemento e 33 empresas, entre pemes e multinacionais, con 695 profesionais vinculados. Das 46 Unidades Mixtas que se levan posto en marcha, 15 están especializadas no sector da automoción, cun investimento público-privado de 41,3M€. Neste contexto, Conde apuntou que a convocatoria deste ano inclúe como principal novidade unha nova liña de axudas para a creación de centros mixtos de investigación cos que dar estabilidade a algúns dos proxectos máis importantes que se están a desenvolver en Galicia.

O vicepresidente primeiro destacou o momento crucial que atravesa o sector da automoción no cal ten que facer fronte a retos como a dixitalización, a electrificación e a mobilidade sustentable; e a obstáculos como o prezo da enerxía ou o desabastecemento de compoñentes esenciais como os semiconductores e microchips.

Nese sentido aseverou que a Xunta vai seguir defendendo e apoiando as necesidades de toda a cadea de valor do sector, e reclamando ao Goberno que non sexa excluínte á hora de asignar os fondos europeos ás comunidades que teñen unha industria da automoción asentada e consolidada como é o caso de Galicia.