O investigador David Glowacki incorpórase á Universidade de Santiago a través do programa Oportunius da Xunta

2022-06-07
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta mañá no acto de presentación do científico estadounidense, que desenvolverá o seu traballo no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (Citius)
  • Galicia conta con 25 investigadores e investigadoras beneficiarios de axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC), nove deles contratados directamente a través do Oportunius, e este ano incorporaranse dous máis ata chegar a once

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022.-A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou esta mañá no acto de presentación do investigador David Glowacki que o programa Oportunius, impulsado pola Xunta de Galicia, ten permitido captar internacionalmente catro investigadores e investigadoras excelentes e retornar a outros dous entre os nove contratados directamente a través do programa. Ademais, prevese sumar outros dous investigadores máis este ano contratados directamente pola Xunta de Galicia para desenvolver o seu labor nos centros de investigación e universidades de Galicia. Deste xeito, atraendo aos mellores investigadores e investigadoras, estase facendo progresar o sistema científico de Galicia, segundo apuntou a directora da Axencia.

En total, Galicia conta con 25 investigadores e investigadores gañadores de axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC) que desenvolveron ou están a desenvolver 32 proxectos, situando a Galicia como quinta comunidade en número de proxectos ERC e volume de recursos captados. Ademais, a Universidade de Santiago ocupa a sexta posición no ránking de universidades españolas en número de investigadores ERC.

Argerey destacou o carácter extraordinario do investigador norteamericano, David Glowacki, que se incorpora ao Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (Citius) da Universidade de Santiago de Compostela e o seu encaixe nas prioridades da política de I+D+i para os vindeiros anos.

Así, Glowacki, licenciado en Química pola na Universidade de Pennsylvania (Philadelphia), realizou un máster en Teoría Cultural na Universidade de Manchester, foi finalista do Programa Fulbright e obtivo o doutoramento en física molecular pola Universidade de Leeds. Desde 2013 ten a súa praza na Universidade de Bristol (Reino Unido), onde conta co seu propio grupo de investigación, Intangible Realities Laboratory. A súa investigación é multidisciplinar, abarcando áreas diversas como as ciencias da computación, a química física, a estética dixital, a arte e as humanidades.

Ademais de numerosos recoñecementos, no ano 2020 obtivo unha ERC Consolidator para o proxecto NANOVR – Nanoscale design using virtual reality -, que ten como obxectivo desenvolver un novo paradigma para o deseño e simulación de estruturas moleculares a escala nanométrica, combinando técnicas de realidade virtual e computación de altas prestacións. O sistema de código aberto que se desenvolverá no proxecto permitirá aos científicos utilizar simulacións baseadas en realidade virtual para estudar sistemas moleculares complexos, para entender, por exemplo, as interaccións proteína-ligando necesarias para facer fronte a certas cepas de virus.

Ademais da contratación de investigadores e investigadoras beneficiarias de axudas do prestixioso Consello Europeo de Investigación (ERC), o programa Oportunius achega financiamento complementario para os gañadores de axudas ERC; apoios económicos e servizos de formación e asesoramento para os finalistas; así como o impulso necesario para que os investigadores e investigadoras cun alto potencial participen nas convocatorias.

Máis aló dos proxectos conseguidos, o programa ten contribuído á creación de emprego cualificado, con 165 postos de traballo creados en 2021 polo persoal investigador titular de proxectos ERC; ademais da captación de fondos doutras convocatorias nacionais e internacionais – 16,6 millóns de euros captados adicionalmente -; a transferencia de coñecemento e a formación doutoral.