A Xunta continúa poñendo ao servizo das persoas o coñecemento adquirido no polo aeroespacial

2022-05-13
  • O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, asistiu a unha xornada de presentación da licitación por 6,5 millóns de euros para seguir incorporando novas solucións innovadoras con vehículos non tripulados aos servizos públicos
  • A convocatoria, aberta á presentación de propostas ata o 30 de maio, permitirá ampliar o ámbito de actuación e aplicación destas tecnoloxías nas emerxencias sanitarias e sociais e na xestión forestal e dos recursos mariños

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2022.- A Xunta continúa poñendo ao servizo das persoas o coñecemento adquirido no Polo Aeroespacial de Galicia, e así, ata o vindeiro 30 de maio está aberta a presentación de propostas á nova licitación por 6,5 millóns de euros para a adquisición de novas solucións innovadoras con vehículos non tripulados aplicadas ás emerxencias sanitarias e sociais e á xestión forestal e dos recursos mariños.

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, asistiu hoxe na Axencia Galega de Innovación a unha xornada técnica sobre esta iniciativa que forma parte do Plan Estratéxico 2025 do Polo Aeroespacial, coa que o Goberno galego busca impulsar a compra inmediata de solucións innovadoras moi próximas ao mercado, e polo tanto realizables en menos de 12 meses, que poden partir de resultados intermedios do período anterior do Polo Aeroespacial de Galicia ou doutros avances tecnolóxicos, para a súa incorporación a curto prazo á carteira de servizos da Xunta de Galicia.

Tal e como se explicou na xornada, a fórmula da licitación é a da Asociación para a Innovación, coa que se consegue un dobre obxectivo. Por un lado, mellorar a eficiencia dos servizos públicos e, por outro, validar, testar e ser o primeiro cliente das solucións e produtos desenvolvidos polas empresas e centros de coñecemento, permitíndolles a futuro un mellor posicionamento no mercado global e apoiando de forma específica ás pequenas e medianas empresas.

Con esta nova licitación, seguirase ampliando o ámbito de actuación e aplicación dos sistemas non tripulados dentro dos servizos públicos da Administración. Así, os proxectos deberán centrarse, en concreto, no desenvolvemento e adquisición de solucións innovadoras por medio de vehículos non tripulados (UAVs) para a atención sanitaria urxente no Camiño de Santiago; a monitoraxe de zonas forestais para a prevención, extinción de incendios e restauración post-incendios; a inspección e vixilancia pesqueira, marisqueira e acuícola; a localización de persoas extraviadas; e para a análise de poboacións de sementes de mexillón e especies cohabitantes.

Con esta licitación o Polo Aeroespacial de Galicia continuará impulsando a colaboración público-privada no eido da innovación e a industria, co obxectivo de promover a participación fundamentalmente de pemes e dos centros de coñecemento no desenvolvemento de solucións innovadoras.

Adicionalmente a esta nova licitación de 6,5 millóns de euros, xa se destinan neste momento 2,9 millóns a despregar e incorporar na carteira de servizos da Xunta solucións da primeira licitación lanzada en 2018, pensadas para a xestión do territorio, o control de pragas forestais e a calidade das augas.

O Polo Aeroespacial de Galicia é unha iniciativa estratéxica con gran capacidade transformadora e importantes resultados logrados no período 2015-2020: 164 millóns de euros de investimento público-privado mobilizados; máis de 900 profesionais; 60 solucións tecnolóxicas e produtos no mercado dun total de 655 resultados obtidos; e a creación de 24 novas empresas (5 xeradas en Galicia por actores da industria e 19 proxectos empresariais creados ou acelerados a través da Business Factory Aero).