Un sistema automatizado para a medición da calidade da auga é a primeira solución con vehículos non tripulados que a Xunta pon en marcha para mellorar a prestación dos servizos públicos galegos

2022-05-03
  • O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde; e a conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana; asistiron hoxe no porto de Muros a unha demostración do funcionamento deste novo servizo que permite realizar mostraxes en augas marítimas costeiras e en encoros
  • O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), Augas de Galicia e o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia son as entidades usuarias desta innovadora solución, que xa está integrada nas súas operativas de traballo

Muros (A Coruña), 3 de maio de 2022.- O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde; e a conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana; asistiron hoxe no porto de Muros a unha demostración do programa Mar-2. Trátase dun sistema automatizado para a medición da calidade da auga, que é a primeira solución con vehículos non tripulados posta en marcha para mellorar a prestación dos servizos públicos galegos.

Conde destacou que a Compra Pública Innovadora, foi a fórmula pola que apostou a Xunta e que fixo posible integrar as tecnoloxías non tripuladas e a prestación de servizos públicos. Neste caso, utilízase un sistema automatizado de mostraxes oceanográficas que opera a través dun vehículo aéreo non tripulado e dunha embarcación non tripulada equipados con sistemas de medición da calidade da auga para a toma de mostras, cunha plataforma para a administración e almacenamento de datos.

Rosa Quintana subliñou a importancia de incorporar as últimas tecnoloxías co obxectivo de facilitar o labor de estudo e control do medio mariño. Nesta liña, incidiu en que esta solución permite a recollida de mostras e a medición de parámetros de calidade da auga de forma autónoma, o que mellora o desenvolvemento da actividade por parte dos profesionais do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar).

Este tipo de dispositivos, explicou Rosa Quintana, permiten unha recollida de datos máis intensiva podendo actuar incluso en situacións de condicións meteorolóxicas e marítimas adversas. O obxectivo, destacou a titular de Mar en funcións, é mellorar os procesos na medida do posible e acadar unha maior eficiencia na realización dos labores de control e de seguimento do medio mariño de Galicia.

Así, esta innovadora solución —desenvolvida por unha Unión Temporal de Empresas formada pola multinacional Indra e polas pemes galegas Sistemas, Soluciones y Proyectos de Información e Adantia- xa está plenamente integrada nas operativas de traballo do Intecmar, de Augas de Galicia e do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia.

O Intecmar coordina as mostraxes coa embarcación na ría de Muros-Noia e realízanse cunha frecuencia semanal. Augas de Galicia está a realizar, con carácter trimestral, tomas de mostra co vehículo aéreo non tripulado nos encoros de Eiras, Caldas, Portodemouros, Barrié de la Maza, Santa Uxía, Ribeira, Eume e Forcadas e na contorna da ría de Vigo e o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia está a realizar a análise dos datos recibidos.

Tal e como explicou Conde, a Xunta está a destinar neste momento 2,9 millóns de euros a solucións tecnolóxicas que se están despregando e incorporando na operativa dos servizos públicos da Xunta de Galicia e que se enmarcan dentro do primeiro período do Polo Aeroespacial. Xunto con Mar-2 inclúense iniciativas como o inventario forestal e a detección de afectación por pragas forestais, solucións de cartografía e usos do solo.

Ademais, xa está aberta unha nova licitación, por 6,5M€, para o desenvolvemento e adquisición de solucións innovadoras aplicadas ás emerxencias sanitarias, así como á xestión forestal e dos recursos mariños.

En definitiva, un investimento total de 9,5M€ co que se queren aproveitar todas as vantaxes e solucións tecnolóxicas que ofrecen os vehículos non tripulados para ofrecer servizos públicos de calidade que respondan ás necesidades do día a día.