A Xunta destaca o labor do centro tecnolóxico Aimen como un aliado estratéxico dos principais sectores industriais de Galicia

2022-04-25
  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou no Porriño as instalacións deste centro de referencia a nivel nacional e europeo en tecnoloxías de procesado láser e no eido da fábrica intelixente
  • No período 2014-2022, Aimen participou en 76 proxectos internacionais, liderando 24 deles, e é un dos cinco centros tecnolóxicos de toda España que máis destaca pola súa participación no programa marco de I+D+i da Unión Europea Horizonte 2020 (H2020), colaborando en 56 actividades

O Porriño (Pontevedra), 25 de abril de 2022.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe no Porriño o centro tecnolóxico Aimen, a cuxa directiva e traballadores agradeceu que compartan coa Administración autonómica a filosofía de colaborar para innovar; converténdose nun aliado estratéxico dos principais sectores industriais de Galicia, entre os que sinalou a automoción, o naval, o aeronáutico, o enerxético e o metalúrxico; e sendo un puntal clave para a transformación dixital da industria galega.

Durante a visita, Conde salientou o traballo que Aimen vén desenvolvendo como centro tecnolóxico de referencia a nivel nacional e europeo en tecnoloxías de procesado láser e no eido da fábrica intelixente. Así, no período 2014-2022, Aimen participou en 76 proxectos internacionais, liderando 24 deles, e poñendo Galicia no mapa europeo da innovación.

Ademais, Aimen é un dos cinco centros tecnolóxicos de toda España que máis destaca pola súa participación no programa marco de I+D+i da Unión Europea Horizonte 2020 (H2020). En concreto, no total de participantes españois, é a décima entidade que lidera máis proxectos, e é a segunda entidade galega das que se presentou a este programa que colabora cun maior número de actividades, en concreto 56, só por detrás da Universidade de Santiago, con 91.

En xeral, o balance do que supuxo a participación de Galicia no Horizonte 2020 é moi positivo. O retorno xerado foi de 191 millóns de euros, que representan un 120% máis que no anterior programa marco de I+D+i, e que sitúa como a Comunidade como a sétima a nivel nacional, acaparando Aimen o 16% dese retorno. No que respecta ao nivel de participación, cómpre salientar que das 155 entidades galegas que se presentaron, 100 eran pemes. E no tocante ás actividades lideradas por pequenas e medianas empresas, crece tres puntos, do 25% ao 28%.

Aimen é o centro tecnolóxico decano de Galicia que converte a Comunidade en referentes no campo dos materiais e tecnoloxías de fabricación avanzada. Nos últimos dez anos este centro, que conta con preto de 270 traballadores, desenvolveu 690 proxectos de I+D+i. Entre eles, destaca a participación activa nos diferentes programas da Xunta de Galicia, colaborando con Stellantis no programa Facendo 4.0, no eido do vehículo autónomo e conectado, nun proxecto que mobiliza 22,3 millóns de euros; con GKN, nunha Unidade mixta que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, centrada tamén no sector da automoción; e tamén participa no Hub de Innovación Dixital impulsado por Ceaga, Aclunaga, Clusaga e o Clúster TIC.