A Xunta presenta mañá no campus industrial de Ferrol os seus programas de apoio á transferencia de coñecemento e atracción de talento

2022-04-20
  • Na xornada, que se celebrará de 10 a 14 horas no salón de actos Concepción Arenal, informarase sobre o programa Ignicia, que ten apoiado desde o seu inicio 23 proxectos e propiciou a creación de 9 spin-offs
  • Tamén se abordará o programa Oportunius, que reforza as opcións de acceso ás axudas do European Research Council (ERC) e amplía os beneficios dos investigadores que as obtiveron e traballan en Galicia

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2021.- Mañá xoves, 21 de abril, o salón de actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acollerá unha xornada sobre apoios da Axencia Galega de Innovación á Transferencia de Coñecemento e á Ciencia Excelente, coorganizada por esta entidade e a Universidade da Coruña (UDC), para dar a coñecer as oportunidades que ofrecen os programas Ignicia e Oportunius ao persoal investigador e de xestión de transferencia que traballa no Campus Industrial da UDC. O obxectivo é ampliar a base de participación en ambos programas para impulsar a transferencia e captar todo o talento das universidades galegas.

O acto, que abrirán María Jesús Movilla, vicerreitora do Campus Industrial de Ferrol e de Responsabilidade Social, e Ana Isabel Ares, directora do Campus Industrial, en representación da UDC, e María José Mariño, directora da área de Centros da Axencia Galega de Innovación, en representación da Xunta de Galicia, contará con varias experiencias de proxectos emprendedores e de persoal investigador e de xestión da transferencia, que se beneficiaron dos apoios de senllos programas, Ignicia e Oportunius.

Ignicia Transferencia de Coñecemento

O programa Ignicia, que impulsa a Axencia Galega de Innovación coa colaboración da Fundación Barrié e que ocupará o primeiro bloque da xornada, ofrece axudas económicas e asesoramento a proxectos de valorización de resultados de I+D. Desde a súa posta en marcha en 2016, Ignicia deu apoio —cun investimento de 10,2M€— a 23 proxectos, dos que xurdiron 9 empresas spin- off e 11 acordos de licenza. Estes proxectos xeraron, nas spin-offs creadas, 80 empregos de alta cualificación e conseguiron 4,3 M€ de investimento en oito operacións.

No acto de mañá en Ferrol presentaranse as características e resultados da convocatoria, e achegará a súa experiencia Manuel Vicente Pérez, da empresa Artificial Intelligence Indestia, spin-off da UDC, que desenvolveu un exitoso software para o recoñecemento de imaxes co apoio deste programa.

Ademais de acelerar a chegada da investigación ao mercado, Ignicia actúa sobre todo o ecosistema de transferencia, monitorizándoo —mediante a recollida sistemática de datos e a publicación de estudos—, fortalecendo as capacidades das estruturas de transferencia e desenvolvendo as competencias en transferencia do persoal investigador. Estes obxectivos de fortalecemento e desenvolvemento alcánzanse mediante varias iniciativas de formación, que se presentarán tamén no acto do Campus Industrial de Ferrol, a través da experiencia de participantes nos cursos sobre aspectos básicos de transferencia, de capacitación de investigadores/ as posdoutorais como especialistas en desenvolvemento científico e de negocio, e para profesionais da transferencia que queiran obter a acreditación europea RTTP (Registered Technology Transfer Professionals).

Só en 2021, máis de 163 persoas formáronse en transferencia a través destes cursos. Cómpre sinalar ademais que 8 xestores e xestoras de transferencia conseguiron a prestixiosa certificación RTTP, o que sitúa a Galicia como a comunidade autónoma cun maior número de profesionais recoñecidos en España. Está previsto que durante o acto se avancen tamén algunhas das novidades que se incorporan ao programa Ignicia para o período 2022-2023. Entre elas, destaca o deseño de novos mecanismos de financiamento da transferencia, para atender aspectos non cubertos por outros mecanismos estatais ou internacionais, un programa de estadías internacionais para persoal de xestión da transferencia e a posta en marcha de novos cursos de formación neste ámbito, orientados ao campo das ciencias sociais e das humanidades.

Oportunius

No segundo bloque da xornada realizarase un balance do Programa Oportunius, presentaranse os servizos da UDC e do programa para atraer persoal investigador de excelencia cara Galicia apoiando a consecución de proxectos do ERC e completarase coa exposición de Elena Pazos, investigadora Ramón y Cajal no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da UDC, que en 2019 obtivo unha axuda ERC Starting Grant para o seu proxecto SENSE, co apoio do programa Oportunius.

Este programa está orientado á atracción e retención de talento excelente cara Galicia, a través de actuacións que reforzan as opcións de acceso ás axudas do European Research Council (ERC) que conta con diversas convocatorias anuais en cinco modalidades (Starting, Advanced, Consolidator, Synergy e Proof of Concept) para financiar a investigación de fronteira en Europa.

As ERC Grants son consideradas un indicador da excelencia da ciencia que se desenvolve nun territorio ou nunha institución concreta e, neste sentido, cabe sinalar, a excelente evolución deste indicador en Galicia.

Desde 2007 —ano de creación do ERC— 25 investigadores obtiveron 32 axudas deste organismo (17 Starting, 6 Consolidator, 2 Advanced e 3 Synergy). Ademais, a Xunta organizou 16 talleres de formación con máis de 330 participantes. Esta iniciativa de apoio á atracción e retención de talento investigador de excelencia, ofrece apoio a través de tres modalidades: os gañadores de ERC que investiguen en Galicia —mesmo se se instalan aquí unha vez recibida a axuda, xa que esta é individual para o investigador/a e lévaa consigo alí onde traballe—reciben un paquete de axudas complementarias ao financiamento ERC; os finalistas ERC reciben apoio económico e de formación e asesoramento para aumentar as súas posibilidades en novas convocatorias; e os candidatos ERC reciben asesoramento para preparar a súa candidatura e aumentar as súas opcións de éxito.