A Xunta achega os apoios para incrementar a competitividade a preto de 470 pemes de toda Galicia

2022-04-20
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe en Abegondo no último encontro de Camiño de futuro, que percorreu 14 localidades galegas nos meses de marzo e abril
  • O obxectivo da iniciativa é difundir entre as pequenas e medianas empresas de contornas non urbanas as diferentes axudas que a Administración autonómica pon ao seu dispor
  • No encontro de hoxe presentáronse os casos de éxito de Panadería da Cunha e Altavela

Abegondo (A Coruña), 20 de abril de 2022.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, no concello de Abegondo, no último encontro da iniciativa Camiño de futuro, posta en marcha pola Xunta de Galicia para difundir entre as pequenas e medianas empresas de contornas non urbanas os instrumentos de apoio dirixidos a mellorar a súa competitividade e crecemento. En total, ao longo de 14 etapas nas catro provincias galegas, achegouse a preto de 470 participantes, principalmente pemes, as axudas autonómicas a empresas así como casos de éxito de pemes da zona.

Patricia Argerey destacou que o obxectivo destes encontros, que se inscriben no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes, é animar ás pequenas e medianas empresas a iniciar o camiño da innovación, para ser máis competitivas e medrar, así como para facer fronte aos retos globais actuais que dificilmente se poden abordar sen innovación. “As pemes son o motor da economía galega e, por iso, acompañalas nesta senda é unha prioridade para a Xunta de Galicia”, sinalou Argerey.

A directora de Gain animou ás empresas asistentes a presentarse ás convocatorias InnovaPeme e DeseñaPeme. A primeira delas, destinada a incrementar a capacidade innovadora das pemes e microempresas galegas a través de actividades integradas en plans de innovación, está aberta ata o vindeiro 18 de maio. Pola súa banda, DeseñaPeme, que apoia a incorporación do deseño como elemento estratéxico nas organizacións como unha ferramenta imprescindible para a innovación, está previsto que se publique mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) e terá aberto desde o venres (22 de abril) o prazo de solicitude ata o vindeiro 23 de maio.

Ademais desta iniciativa, o Programa de Impulso á Innovación nas Pemes inclúe outras actuacións como liñas de axuda pensadas para empresas tradicionais e sectores maduros que queren empezar a innovar; difusión da cultura da innovación para incrementar o número de pemes innovadoras; desenvolvemento de contidos formativos e ferramentas para que as pemes poidan avaliar a súa capacidade para innovar; difusión de casos de éxito de empresas innovadoras da contorna e asesoramento personalizado.

No encontro celebrado en Abegondo, persoal de Gain e do Igape —dependentes da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación- da Subdirección Xeral de Acuicultura da Consellería do Mar, así como do grupo de desenvolvemento rural (GDR) Mariñas-Betanzos explicaron as diferentes convocatorias de axuda activadas pola Xunta.

Ademais, presentáronse casos de éxito empresarial con pemes innovadoras da contorna procedentes de diferentes sectores, que falaron da súa experiencia como beneficiarios de distintos instrumentos de apoio da Administración para que a empresa mellore a súa competitividade a todos os niveis. En concreto, estiveron representantes da empresa Panadería da Cunha de Carral e de Altavela Servicios Náuticos, compañía de servizos náutico-deportivos de Sada.

Esta iniciativa forma parte dos encontros con empresas previstos no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes. En total, desde novembro de 2021 celebráronse 32 encontros en localidades das catro provincias galegas reunindo a máis de 1.000 asistentes.