A Xunta forma aos empregados públicos para dar resposta aos retos da Administración desde a innovación

2022-04-19
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e a directora da Escola Galega de Administración Pública, Susana Rodríguez-Campos, participaron esta tarde na apertura da II edición do curso sobre Compra Pública de Innovación
  • Este curso, que permitirá formar a 30 empregados públicos da Administración autonómica e local, forma parte do programa Innpulsa CPI da Xunta de Galicia para promover a cultura da innovación na Administración, que inclúe o Premio ao Empregado Público Innovador ou accións formativas

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2022.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e a directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Susana Rodríguez-Campos, participaron esta tarde na inauguración da segunda edición sobre o curso de Compra Pública de Innovación organizado conxuntamente por Gain e a EGAP.

Argerey destacou que a “Compra Pública de Innovación é o grande instrumento de apoio á I+D porque, por un lado, permite que as empresas fagan I+D+i compartindo os riscos e posibilita que saian adiante proxectos que doutro xeito serían dificilmente asumibles polas empresas, e, por outro lado, permítelle ás Administracións dar resposta aos seus retos dende a innovación”.

Argerey fixo estas declaracións na apertura do curso “Bootcamp: Itinerario de Excelencia na Demanda de Innovación”, que se desenvolverá ata o 27 de abril presencialmente na sede da Escola Galega de Administración Pública. O obxectivo desta formación é capacitar ao persoal empregado público na implementación de procesos de Compra Pública de Innovación nas súas entidades para aproveitar ao máximo os fondos da liña FID (Fomento da Innovación desde a Demanda) que o Goberno central habilitará proximamente.

Este curso, ao que asistirán unha trintena de empregados públicos de diferentes departamentos da Xunta, forma parte do programa Innpulsa CPI, posto en marcha pola Axencia Galega de Innovación no ano 2017 para promover a cultura da innovación na Administración e evolucionar cara a organizacións públicas máis orientadas á cidadanía e capaces de anticiparse ao mercado. No marco deste programa, téñense organizado tres edicións do Premio Empregado/a Público/a Innovador/a, accións formativas e dúas convocatorias para identificar propostas de proxectos nas Administracións públicas galegas.

Galicia ten ampla experiencia na utilización deste instrumento de contratación, executando 250 millóns de euros en proxectos de CPI na última década. No período 2007-2014, a Comunidade concentrou o 40% do investimento total en proxectos de CPI de toda España e foi merecedora do Premio Nacional de Innovación na categoría de CPI en dúas ocasións polas iniciativas Hospital 2050 e InnovaSaúde e o Polo Aeroespacial de Galicia.

Pola súa parte, a directora da Escola Galega de Administración Pública incidiu na importancia da contratación pública dentro dos plans de formación do organismo, especialmente desde a aprobación en 2017 da nova Lei de contratos do sector público, que introduciu numerosas novidades normativas. Desde ese momento a EGAP convocou unha ampla oferta formativa na materia, con actividades xerais e outras específicas, coa finalidade de formar ao persoal empregado público nun eido tan esencial.

Así, o curso iniciado hoxe ten como finalidade achegar os coñecementos necesarios para impulsar unha contratación pública que fomente a innovación en Galicia e que sirva para eliminar os obstáculos que impiden promover a innovación desde a demanda.