Conde subliña que apostar pola innovación significa blindar o futuro e a competitividade da industria galega

2022-03-25
  • Afirma que a recuperación económica ten que sustentarse na colaboración público-privada, a fórmula coa que o tecido industrial galego, co apoio da Xunta, opta aos fondos europeos Next Generation
  • Remarca que a aposta pola innovación e o talento que Galicia consiga facer desde o público, da man de centros como a Universidade de Vigo, e desde a iniciativa privada, vai ser determinante para afrontar os retos da dixitalización e a transición ecolóxica

Vigo, 25 de marzo de 2022.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, subliñou hoxe que apostar pola innovación significa blindar o futuro e a competitividade da industria galega nun escenario de transformación dixital e enerxética.

Durante a súa intervención no I Encontro Ágora. A innovación tecnolóxica e a súa importancia na competitividade da industria, organizado pola Cátedra Telefónica- Universidade de Vigo, Conde recoñeceu que a recuperación económica ten que sustentarse na colaboración público-privada.

Segundo dixo, esta é a fórmula coa que a industria galega, co apoio da Xunta, opta aos fondos europeos Next Generation. Nese sentido, remarcou que a aposta pola innovación e o talento que Galicia consiga facer desde o público, da man de centros como a Universidade de Vigo, e desde a iniciativa privada, vai ser determinante para afrontar os retos da dixitalización e a transición ecolóxica.

Conde asegurou que impulsar a innovación nos sectores estratéxicos da economía galega é un dos principais obxectivos da Xunta de Galicia, vital para a recuperación. Unha recuperación que, non obstante, neste momento está condicionada polo encarecemento progresivo dos prezos da enerxía, a inflación ou a crise de subministracións, agravado, todo, pola guerra de Ucraína.

Á espera, polo tanto, de que o Goberno habilite medidas ao respecto, como a baixada dos impostos que gravan a luz, o gas e os carburantes, a Xunta xa se adiantou cun paquete de axudas dirixidas aos sectores máis afectados e ás familias. Entre elas, unha nova liña de avais para pemes e un programa de préstamos directos para a industria manufactureira que suman 70M€ e suporán unha mobilización global de 140M€ no tecido produtivo. Tamén un pagamento adicional de cen euros a 66.000 familias vulnerables que van recibir unha axuda de entre 128 e 373 euros do Bono Social Térmico. E, para fomentar o aforro enerxético e a implantación de renovables, a Xunta convocará este ano 128M€ para fogares e empresas, con programas como o Bono Enerxía Peme (2M€) e o Renove Automoción, para o que se acaba de acordar incrementar o orzamento en dous millóns máis.