Conde avalía co novo director do Cesga os novos retos no marco do Polo de Tecnoloxías Cuánticas

2022-03-14
  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro co responsable do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), Lois Orosa, que vén de asumir o cargo
  • O Cesga será estratéxico para facilitar a transición dixital dos sectores produtivos e de coñecemento galegos

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2022.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro co novo director do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), Lois Orosa. Na xuntanza avaliaron os novos retos aos que se enfronta o centro, que será estratéxico dentro do Polo de Tecnoloxías Cuánticas, co que se busca consolidar Galicia como referente neste eido.

Co obxectivo de ofrecer mediante este tipo de tecnoloxías un impacto positivo en diferentes sectores produtivos, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), e o Cesga asinaron recentemente un convenio dotado con 11,6 millóns de euros procedentes de fondos europeos para poñer en marcha as primeiras fases do Polo de Tecnoloxías Cuánticas.

Este acordo de colaboración permitirá despregar as infraestruturas necesarias para a súa creación a través dun simulador e un computador cuántico, un sistema de computación de altas prestacións e de almacenamento exclusivo para computación cuántica; situar o tecido de investigación, tecnolóxico e produtivo na vangarda desta tecnoloxía innovadora e de futuro; facilitar unha mellor recuperación no marco do contexto económico actual e apoiar a transición dixital dos sectores produtivos e de coñecemento galegos.

Do mesmo xeito, tamén se puxo de manifesto o impulso que suporá para o Cesga o novo supercomputador Finisterrae III, que incorpora un simulador de computación cuántica que é o primeiro da súa clase en España e que permitirá resolver 4000 billóns de operacións matemáticas por segundo. Unha característica clave para acurtar de modo significativo os tempos na obtención de resultados. Esta infraestrutura conta cun investimento de 7 millóns de euros a través de fondos Feder, da Xunta e do CSIC.