A Xunta impulsa a aceleradora Galicia Avanza, que desde a Tecnópole especializarase na internacionalización das pemes innovadoras

2022-03-12
  • Este novo programa, ao que se destinan 2,24 millóns de euros, porá o foco no fortalecemento no exterior de solucións innovadoras tanto de produtos como de servizos no menor tempo posible para posicionar o tecido empresarial galego no mercado global
  • Contémplanse dúas convocatorias entre este ano e o que vén, co obxectivo de apoiar 60 iniciativas que terán acceso a un programa de oito meses que inclúe asesoramento e mentorización específica, capacitación comercial e técnica

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2022.- A Xunta de Galicia vén de autorizar o convenio de colaboración entre a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) para impulsar a aceleradora Galicia Avanza, especializada na internacionalización das pemes innovadoras. Destinarase un investimento de 2,24 millóns de euros para celebrar dúas convocatorias entre este ano e o que vén co obxectivo de apoiar 60 iniciativas.

A nova aceleradora, que se porá en marcha nos vindeiros meses na Tecnópole, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas, dentro do Plan Estratéxico 2022-2024 desta entidade, busca aproveitar a demanda actual social e industrial, para que as solucións innovadoras galegas de pemes de calquera ámbito ou sector, e que estean dispoñibles ou moi próximas ao mercado, poidan alcanzar presenza ou fortalecerse no exterior no menor tempo posible.

Para logralo, ofrécese un programa de aceleración de oito meses de duración con itinerarios personalizados en eidos como o estudo do mercado, a estratexia de márketing, a adaptación de produtos e servizos, o deseño e rexistro de marcas e certificacións ou a estratexia de acceso ao mercado. As empresas participantes tamén poderán acceder a mentorización e asesoramento, capacitación e formación comercial e técnica e encontros finais para darlles visibilidade.

Tecnópole asumirá o labor de oficina técnica deste programa tendo en conta a súa experiencia previa a través de programas de aceleración como Agrobiotech ou Connect-19, nos que colaborou con Gain, ou como espazo de impulso ao emprendemento, xa que será a sede dun dos 11 espazos coworking do Igape que se celebrarán ao longo deste ano.

Enmarcada tanto na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia como no Programa de impulso á innovación nas pemes, Galicia Avanza súmase ás incubadoras e aceleradoras especializadas que a Xunta ten en activo como a Business Factory Auto, a Business Factory Aero, a Business Factory Food, a Business Factory Medicines, Turislab ou ViaGalicia.

Estratexia de Internacionalización

A nova aceleradora tamén se inclúe na Estratexia para a internacionalización das empresas galegas ata 2025, en concreto, no eixo destinado á atracción de talento e formación. Así, Galicia Avanza é un novo instrumento co que a Xunta pretende seguir impulsando as vendas ao exterior das pemes galegas e, neste caso concreto, aproveitando a vantaxe competitiva que supón a innovación á hora de afrontar os retos actuais.