Patricia Argerey: “a clave está na igualdade e nos equipos equilibrados, porque a innovación require de todo o talento”

2022-03-08
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá nunha mesa redonda sobre mulleres que lideran a empresa actual e futura organizada polo Círculo de Empresarios de Galicia e Empresarias Galicia, en colaboración coas asociacións Executivas de Galicia e Mulleres en igualdade, con motivo do Día Internacional da Muller
  • A directora da axencia reivindicou o traballo conxunto de homes e mulleres a prol da innovación e puxo en evidencia a ausencia de mulleres en postos directivos e de responsabilidad

Vigo, 8 de marzo de 2022.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá nunha mesa redonda sobre mulleres que lideran a empresa actual e futura xunto a outras oito mulleres de referencia no ámbito da empresa, emprendemento, innovación e asociacións: Marian Mouriño do Grupo GES; Patricia García do Grupo Femxa, Carmen Lence do Grupo Leche Río, Ana Molés do Aeroporto de Vigo, Isabel Cañas de Congalsa, Angélica Falagán do Centro Comercial Travesía, Carlota Corzo de Lázzaro e Bárbara Román de Nolegaltech.

Patricia Argerey reivindicou o papel da muller na innovación e na transformación cara a unha economía dixital na medida en que a innovación require de todo o talento traballando conxuntamente e explicou que a clave está na igualdade e nos equipos diversos e equilibrados. A directora de Gain fixo estas declaracións no marco da xornada 8-3 Mujeres: la empresa actual y futura organizada polo Círculo de Empresarios de Galicia e Empresarias Galicia, en colaboración coas asociacións Executivas de Galicia e Mulleres en igualdade, celebrada con motivo do Día Internacional da Muller.

Porén, a directora da Axencia lamentou que as mulleres non cheguen aos postos directivos e animou ás mulleres profesionais a liberarse dos prexuízos e dos estereotipos sociais e culturais e a non frearse a si mesmas para acadar as súas metas.

Argerey citou un estudo do Observatorio Mujeres, Ciencia e Innovación que pon en evidencia que a muller no ámbito da innovación presenta os mesmos problemas que noutros eidos, diminuíndo a súa presenza a medida que aumenta o grao de responsabilidade (só dirixen o 30% das empresas españolas e o 14% no caso das que contan co selo oficial de peme innovadora), malia que a súa formación é lixeiramente superior (53% teñen estudos superiores fronte ao 47% dos homes) e persistindo a infrarrepresentación en sectores de alta e media-alta tecnoloxía (26% fronte ao 74% dos homes).

Para reverter esta situación, Patricia Argerey apuntou cara á necesidade de traballar cos nenos e nenas de xeito temperá achegándoos á tecnoloxía, á ciencia ou á enxeñaría. De feito, a Axencia Galega de Innovación conta con varios programas de fomento das vocacións científicas entre a infancia e a mocidade como Voando alto, sumando vocacións, no ámbito do sector aeroespacial, ou o programa D`tec, no eido do deseño e das tecnologías dixitais, ademais de colaborar en actividades de divulgación científica con, entre outras entidades, o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) en actividades como Ciencia e Tecnoloxía en Feminino, a feira Galiciencia e as Aulas Tecnópole, entre outras.

Tamén desde a Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia, no marco do II Programa Galego de Muller e Ciencia, conseguiuse un impacto positivo na carreira profesional de 544 mulleres a través de máis dun cento de actuacións desenvolvidas no período
2016-2020. Estas actuacións, que chegaron a máis de 10.000 persoas, estiveron enfocadas principalmente ao eido escolar e universitario e permitiron, entre outras finalidades, a formación de docentes; fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as nenas ou visibilizar o papel de mulleres senlleiras en sectores tradicionalmente masculinizados.