A Xunta e a Fundación Barrié reforzan a súa colaboración para impulsar a transferencia de coñecemento no sistema de I+D+i galego

2022-02-27
  • A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), asinará un convenio con esta entidade por 1,22M€ para mellorar o achegamento ás empresas galegas dos resultados da investigación
  • Búscase impulsar a valorización dos resultados, o seu retorno económico e o posicionamento internacional da ciencia xerada en Galicia
  • Entre outras iniciativas, avanzarase na monitorización do sistema de transferencia, achegarase financiamento e apoio as procesos de valorización – especialmente no eido dos materiais innovadores e das patentes -, e seguirase apoiando a formación e as competencias profesionais do persoal investigador
  • Esta colaboración enmárcase e amplía o labor que a Xunta e a Fundación Barrié están realizando a través do programa Ignicia que, ata o de agora, xa financiou un total de 23 proxectos, ao tempo que xerou 67 empregos de alta cualificación

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2022.- A Xunta autorizou consolidar a colaboración entre a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega da Innovación (Gain), e a Fundación Barrié para deste xeito seguir impulsando a transferencia de coñecemento no sistema de I+D+i galego. Para a materialización do acordo, contarase cun orzamento de 1,22M€, dos que o Goberno galego achegará un millón. Este nivel de cooperación permitirá ampliar o labor que ambas institucións realizan a través do programa Ignicia.

Este novo convenio contribúe a mellorar o achegamento ás empresas galegas dos resultados da investigación, con novas fórmulas que permitan un maior aproveitamento por parte do tecido empresarial; así como favorecer o retorno económico dos resultados acadados e promover a mellora do posicionamento internacional da ciencia e a tecnoloxía xerada en Galicia.

Para optimizar a transferencia de coñecemento e tecnoloxía e a valorización comercial dos resultados da investigación, actuarase en diferentes eidos, sobre a base das actuacións xa realizadas por Gain e a Fundación Barrié nos últimos anos.

Así, seguirase avanzando na monitorización do sistema de transferencia a través da conceptualización e implantación dunha ferramenta de xestión da información. Reforzarase tamén o mecanismo de financiamento actual con novos apoios enfocados a impulsar un programa de proba de concepto para resultados en etapas máis temperás que os que forman parte de Ignicia, así como accións de valorización no eido dos materiais innovadores e das patentes.

Por outra banda, seguirase traballando no fortalecemento das capacidades das estruturas de transferencia. Para conseguilo analizaranse novos modelos de boas prácticas, realizaranse estudos ao respecto, así como unha acción piloto para ensaiar novas fórmulas organizativas. Tamén se impulsarán programas de formación e adestramento para profesionais galegos de transferencia de tecnoloxía e estadías formativas internacionais.

Darase continuidade ás accións formativas destinadas a persoal investigador iniciadas o ano pasado e, ademais, organizaranse encontros de transferencia e innovación que pretenden identificar as necesidades empresariais, así como a posible oferta para activar colaboracións.

Con este convenio preténdese dar resposta á demanda de instrumentos específicos para dinamizar a transferencia detectada no Sistema Galego de Innovación. De feito, a transferencia é unha das debilidades dos sistemas de innovación a nivel europeo e o seu impulso é un dos obxectivos prioritarios da Axencia Galega de Innovación recollido na Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia.

O acordo permite ampliar a cooperación establecida a través do Ignicia, que vai pola súa terceira edición e que, ata o momento, xa financiou un total de 23 proxectos cun investimento de 10,2 millóns de euros. Este programa permitiu a xeración de 67 empregos de alta cualificación, a creación de nove spin-offs e once acordos de licenza.

En definitiva, Galicia segue avanzando na mellora da competitividade empresarial e no impulso da I+D+i, así como na atracción de investimentos vinculados a este ámbito.