Nove empresas líderes compiten para ser as novos socios estratéxicos da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia ata o 2025

2022-02-26
  • Trátase de Airbus, Babcock, Boeing, Indra, Telefónica, Aertec-Tecnobit, Telespazio, CT Ingenieros e Sistemas y Montajes Industriales
  • Cun orzamento de partida de 40M€, a previsión é asinar entre 4 e 8 acordos de asociación para apoiar arredor de 80 proxectos de I+D cos que desenvolver novas solucións con drons
  • Cos novos programas conxuntos, Galicia ofrecerá ao mercado dos UAVs solucións de alta tecnoloxía que darán resposta aos principais retos dos vehículos non tripulados

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2022.- Airbus, Babcock, Boeing Aerospace Spain, Indra, Sistemas y Montajes Industriales, Telefónica, Telespazio, CT Ingenieros e Aertec-Tecnobit son as nove empresas que aspiran a converterse nos novos socios estratéxicos da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia ata 2025.

Estes nove consorcios e empresas, moitas delas de referencia internacional, iniciaron xa a fase de diálogo da licitación de Compra Pública Precomercial, na que detallarán as súas propostas para o desenvolvemento de programas conxuntos de I+D coa Xunta de Galicia.

O obxectivo é atraer a Galicia a entre catro e oito empresas tractoras do sector a través do financiamento de programas conxuntos que dean resposta aos grandes retos tecnolóxicos dos vehículos non tripulados; ao tempo que se crea emprego en torno a este segmento do sector aeroespacial e se xera pegada industrial e coñecemento no ecosistema.

Cos programas conxuntos de I+D cos novos socios estratéxicos, Galicia ofrecerá ao mercado dos UAVs solucións de alta tecnoloxía tanto no segmento das plataformas como no dos sistemas non tripulados capaces de dar resposta aos principais retos dos vehículos non tripulados.

Esta licitación foi a primeira das 30 actuacións planificadas ata 2025 no Polo Aeroespacial de Galicia. No marco destes acordos contémplase construír novos hangares no Parque Tecnolóxico e Industrial de Rozas, desenvolver ata 80 proxectos de I+D no marco dos programas conxuntos e xerar e manter 700 postos de traballo de alta cualificación.

Agárdase que o desenvolvemento destes novos programas exerza un efecto tractor sobre 80 pemes galegas e multiplique a capacidade tecnolóxica de Galicia neste eido; ao tempo que se continúa impulsando o ecosistema de innovación vinculado aos vehículos non tripulados en torno ao Polo Aeroespacial de Galicia cos líderes do sector.

Socios estratéxicos 2015-2020

Nos cinco primeiros anos do Polo Aeroespaical de Galicia os socios estratéxicos e tecnolóxicos da Xunta de Galicia foron as empresas Babcock, Boeing e Indra. Estas tres compañías investiron en Galicia 78M€, actuaron como tractoras do tecido empresarial e tecnolóxico galego e consolidaron a súa presenza na rexión coa construción dos hangares de Indra e Babcock no Parque Tecnolóxico e Industrial de Rozas ou a primeira Aula Newton permanente de España promovida por Boeing en San Cibrao das Viñas.

No marco dos programas conxuntos de I+D coa Xunta de Galicia, Indra desenvolveu o maior dron opcionalmente non tripulado de uso civil existente en España e un dos primeiros en ser autorizado en Europa neste ámbito (Targus); Babcock centrouse na creación de plataformas e solucións tecnolóxicas para a prestación de servizos críticos para as Administracións Públicas; e Boeing impulsou un programa dirixido ao deseño de produtos e solucións enfocados na seguridade do voo en espazo aéreo compartido das aeronaves non tripuladas.

O Polo Aeroespacial de Galicia é unha iniciativa estratéxica con gran capacidade transformadora e importantes resultados logrados no período 2015-2020: 164 millós de euros de investimento público-privado mobilizados; colaboración con empresas tractoras como Indra, Babcock e Boeing e a implicación do ecosistema rexional; máis de 900 profesionais; 60 solucións tecnolóxicas e produtos no mercado dun total de 655 resultados obtidos; e a creación de 24 novas empresas (5 creadas en Galicia por actores da industria e 19 proxectos empresariais creados ou acelerados a través da Business Factory Aero).