A Xunta impulsa a actividade da asociación Makers Ferrolterra coa cesión dun espazo no CIS Tecnoloxía e Deseño

2022-02-23
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destaca o labor social deste colectivo, centrado na busca de solucións tecnolóxicas
  • Destaca as sinerxías entre o CIS e a asociación no ámbito das tecnoloxías innovadoras empregadas, o uso de novos materiais e o labor de fomento das vocacións vinculadas a estas áreas

Ferrol, 23 de febreiro de 2022.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacou esta mañá na inauguración do espazo que a Xunta de Galicia cede a Makers Ferrolterra no CIS Tecnoloxía e Deseño o gran labor social desta asociación, formada por unha vintena de persoas procedentes de diferentes sectores. Así, lembrou que desde o inicio da pandemia Makers Ferrolterra ten colaborado desinteresadamente no deseño, fabricación e distribución de elementos de protección para os colectivos máis expostos.

Ademais, apuntou que a súa actividade —centrada na busca de solucións baseadas no código aberto, na fabricación tecnolóxica, a robótica, a impresión 3D e Internet- encaixa coa traxectoria do CIS Tecnoloxía e Deseño, así como na súa misión como centro de innovación de referencia para todo o tecido industrial da comarca e punto de encontro dos sectores produtivos, con presenza nel de entidades como Asime, Aclunaga, Cluergal, o Centro de Excelencia do Naval (Cesena) de Siemens e proximamente o Laboratorio de Combustibles da Universidade da Coruña. A súa experiencia, coñecementos e medios tecnolóxicos poden contribuír ao desenvolvemento conxunto de proxectos de I+D+i e ao fomento do uso de novos materiais e novas tecnoloxías.

A directora da Axencia tamén destacou as sinerxías desta asociación coa Materioteca de Galicia, instalada no centro, un espazo dedicado á exposición de materiais innovadores e cuxa principal misión é dinamizar o seu uso en proxectos de diferentes ámbitos. Neste sentido, este espazo facilitará o acceso a novos materiais e potenciará a colaboración no posible desenvolvemento de proxectos conxuntos.

Por último, Argerey inscribiu esta colaboración no labor de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do CIS a través de programas como D’tec ou Edutec Emprende —este último coordinado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade-, ao que agardan que o coletivo Makers Ferrolterra se sume.

O local da asociación no CIS Tecnoloxía e Deseño da Cabana conta cunha superficie de 88m2 na primeira planta do edificio 3. Ademais, esta entidade tamén ten á súa disposición equipamentos como a fresadora Roland ou a impresora Witbox.