A Xunta subliña en Nigrán a importancia de incorporar talento mozo ás actividades de I+D+i

2022-01-27
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá a empresa nigranesa de impresión 3D Dativic, especializada na implantación da fabricación aditiva na industria
  • Destaca que a compañía, que contratou persoal co apoio da Administración autonómica, está investigando de xeito continuo e analizando novos produtos e materiais


Nigrán (Pontevedra), 27 de xaneiro de 2022.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá a empresa nigranesa Dativic, dedicada á subministración profesional de produtos de impresión 3D e a implantación da fabricación aditiva na industria para a mellora da eficiencia dos procesos produtivos. Patricia Argerey destacou o carácter innovador da compañía, que conta con apoio da Xunta para contratar persoal mozo para a realización de actividades de I+D+i e sinalou que están continuamente investigando e analizando novos produtos e materiais.

Durante a visita, a directora de Gain destacou a importancia de que as empresas e organismos de investigación dispoñan de persoal dedicado en exclusiva a innovar e contribuír deste xeito á transformación empresarial, ademais de favorecer o desenvolvemento da carreira profesional do persoal mozo contratado.

Neste sentido, Patricia Argerey lembrou que segue aberto ata o 3 de febreiro o programa Investigo da Consellería de Emprego e Igualdade, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e financiado con fondos europeos Next Generation.

Este programa, cun orzamento de 13,1 millóns de euros, apoiará a contratación durante 12 meses a xornada completa de ata 585 persoas mozas (menores de 30 anos) demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación nas universidades públicas, organismos de investigación, centros tecnolóxicos, parques científicos e empresas que invistan en I+D+i. O importe unitario das axudas oscilará entre os 22.405,94 e os 33.108,92 euros en función do número de persoas que se van contratar, o grupo de cotización e o ano de contratación.

Priorizaranse ocupacións referidas á sanidade, transición ecolóxica, economía verde (enerxías renovables, tratamento de augas e residuos e industria agroalimentaria), e dixitalización de servizos e data science, proxectos de investigación destinados ás áreas sociais, culturais, artísticas, calquera outro ámbito de estudo ou tarefas encadradas no marco da nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027. O procedemento de concesión é por orde de presentación. A iniciativa forma parte do Plan Emprega Xuventude, dotado con 51,8 millóns de euros, co que a Xunta promoverá en 2022 actuacións para o emprego dirixidas especificamente ás persoas máis novas.

O programa Investigo dá continuidade ao Principia, a través do cal a Xunta facilitou a incorporación de 644 profesionais de ata 35 anos en actividades de I+D+i. En moitos casos, supuxo unha primeira oportunidade para que a mocidade accedese a un posto de traballo cualificado no ámbito da innovación, xa que o 41% dos novos contratados carecían de experiencia laboral previa.

A Xunta ten en marcha outras iniciativas co obxectivo de captar talento e crear emprego de calidade no ámbito da I+D+i, como o programa de Doutoramento Industrial, que apoiou na súa primeira edición a contratación de 15 estudantes de doutoramento para que desenvolvan a súa tese en empresas e centros tecnolóxicos galegos; o programa Oportunius, que axudou a realizar contratos a 9 gañadores de axudas do ERC; Talento Sénior, que impulsou a contratación de 47 profesionais de alta cualificación cunha traxectoria profesional de máis de cinco anos; Ignicia, que favoreceu a creación e mantemento de máis de 120 empregos cualificados grazas ao apoio a proxectos de investigación con potencial de chegar ao mercado; ou os programas de apoio ás etapas predoutoral e posdoutoral.

Dativic

Creada en 2013, a empresa Dativic, máis recoñecida polo seu e-commerce filament2print.com, participou na aceleradora ViaGalicia e acadou o recoñecemento ao mellor ecommerce de Galicia no ano 2017. Actualmente, vende en máis de 90 países e conta con máis de 15.000 clientes por todo o mundo. A súa aposta pola internacionalización e a innovación é fundamental en palabras dos seus responsables para poñer sempre ao alcance do mercado as últimas innovacións en canto a produtos de impresión 3D.