A Xunta e Gradiant comparten o obxectivo de levar a innovación e a dixitalización ao tecido empresarial para que gañe en competitividade

2022-01-25
  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, aproveitou a súa presenza no Consello Consultivo desta entidade para coñecer as súas novas instalacións en Vigo
  • Destaca que a sede que Gradiant vén de poñer en marcha funcionará como centro de ensaios e probas de tecnoloxía 5G


Vigo, 25 de xaneiro de 2022.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asegurou hoxe na reunión do Consello Consultivo de Gradiant que a Xunta comparte con este centro tecnolóxico o obxectivo de levar a innovación e a dixitalización ao tecido empresarial para facelo máis competitivo en plena transformación dixital e sostible da economía. Un eido no que, segundo indicou Conde, Gradiant conta co apoio do Goberno autonómico e xoga un papel proactivo, converténdose nun referente dentro do sistema galego de I+D+i.

Na súa intervención, Conde destacou que a nova sede de Gradiant, que hoxe se inaugurou coincidindo tamén coa presentación do Plan estratéxico 2022-2024, funcionará como centro de ensaios e probas da tecnoloxía 5G en Galicia. O vicepresidente económico felicitou ao centro tecnolóxico polo seu labor, sinalando que 2021 foi un ano de récord, con seis millóns de euros en proxectos de I+D+i concibidos e desenvolvidos en Galicia; un crecemento do 15% en facturación; un incremento do 50,2% na venda de patentes e licenzas; e un 71% máis de proxectos directamente encargados por empresas.

Desde os seus inicios, foron xa máis de 200 empresas galegas, especialmente pemes e no ámbito das TIC, as que se beneficiaron dos servizos de Gradiant, con máis de 340 proxectos que desenvolveu xunto con empresas e organismos de 30 países. Só o ano pasado, Gradiant achegou os seus desenvolvementos a 70 compañías.

Conde fixo fincapé no apoio da Xunta de Galicia para seguir na mesma liña, apostando pola especialización e tratando de incrementar o impacto das investigacións e desenvolvementos tecnolóxicos no tecido produtivo, tal e como se establece no plan estratéxico que se presentou hoxe, explicando o vicepresidente económico entre outros aspectos que este é o momento do impulso da tecnoloxía cuántica, un dos proxectos tractores da candidatura galega para os fondos europeos de recuperación.
O responsable de Economía, Empresa e Innovación agradeceu a Gradiant a súa implicación e participación en proxectos clave na Galicia do 2030, como a elaboración da nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), que vai ser a folla de ruta para unha innovación transversal e sostible en Galicia; nos hubs de innovación dixital, que a Xunta busca converter en xanelas de acceso a tecnoloxías punteiras necesarias para a transformación dixital das pemes; e no Polo Aeroespacial de Galicia, xunto a grandes empresas do sector para permitir o desenvolvemento dos vehículos aéreos non tripulados.