A Xunta agradece a implicación dos empregados públicos para ampliar o alcance e a eficiencia do servizo que presta a Administración autonómica

2021-12-20
  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participaron hoxe en Santiago na entrega dos III Premios Empregados/as Públicos/as Innovadores/as
  • Conde sinalou que os proxectos gañadores recordan a importancia de poñer a tecnoloxía ao servizo das persoas e do progreso social de Galicia
  • O conselleiro de Facenda, pola súa banda, destacou que unha administración pública do século XXI ten que ser dinámica, con empregados públicos motivados e con iniciativa que permitan unha transformación continua da Función Pública

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asistiron este mediodía en Santiago á entrega dos III Premios Empregados/as Públicos/as Innovadores/as, uns galardóns organizados a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) co obxectivo de recoñecer o compromiso e a actitude innovadora do persoal ao servizo da Xunta de Galicia.

Durante a súa comparecencia, Conde quixo agradecer a implicación dos empregados públicos para ampliar o alcance e a eficiencia do servizo que presta a Administración autonómica, no obxectivo de acadar o modelo de e-administración.

Así, puxo en valor estes premios ao evidenciar que tamén no sector público é necesario un nivel de implicación e compromiso coa innovación e felicitou aos premiados –cuxos proxectos están enfocados ao ámbito educativo ou cultural– e finalistas por recordar a importancia de poñer a tecnoloxía ao servizo das persoas e do progreso social de Galicia.

Así, na categoría de Identificación de Oportunidades resultou galardoado Víctor Manuel Fernández, traballador da Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que propuxo a mellora na eficiencia do sistema educativo galego co emprego de sistemas de intelixencia artificial que posibiliten unhas predicións no rendemento académico do alumnado e sirvan para autoaxustar parámetros do sistema para conseguir un nivel desexado meses antes do comezo das clases. Do mesmo xeito, neste apartado resultaron finalistas Eduardo Justo –tamén de Amtega– e Óscar Fuentes e Ramón Madriñán, ambos da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

Pola súa banda, na categoría de Proxecto coa temática máis innovadora, o premiado foi Guillermo Vázquez, da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), impulsor dun software que, empregado pola gran maioría de técnicos teatrais, posibilite emitir subtítulos e audios directamente ao dispositivo móbil de cada usuario, no caso das persoas con deficiencias auditivas ou problemas visuais. Así mesmo, resultaron finalistas Fernando Martínez, da Residencia Asistida de Oleiros, e Gustavo Alejandro Álvarez, de Seaga.

En total, foron 87 as solicitudes de proxectos que se teñen presentado ás tres edicións dos Premios Empregados/as Públicos/as Innovadores/as da Xunta de Galicia, destacando iniciativas como a fabricación de pezas mediante impresión 3D para facer exercicio de comparación de análises con laboratorios internacionais; unha aplicación para móbiles coa que se poida desenvolver un traballo de vixilancia dos produtos comercializados no mercado; ou un sistema de xestión avanzada dos recursos hídricos.

Obxectivo: os cidadáns

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, puxo tamén en valor o traballo dos empregados públicos para lograr unha administración máis eficiente, moderna e innovadora, capaz de satisfacer as necesidades dos cidadáns. Segundo explicou, unha administración pública do século XXI ten que ser dinámica, con empregados públicos motivados e con iniciativa que permitan unha transformación continua da Función Pública.

Corgos subliñou que a Xunta quere contribuír a estes procesos de transformación implantando condicións de traballo que favorezan o empredemento e contribúan a que a Función Pública galega sexa unha organización innovadora. Neste sentido, destacou que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en adaptarse á normativa de reforma do teletraballo aprobada polo Goberno central.

Ademais, a Xunta xa ten implantada a flexibilidade horaria para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral dos empregados públicos e, este mesmo ano, aprobou un Plan Xeral de Xestión e Mellora dos Servizos públicos para optimizar a calidade destes servizos e potenciar a racionalización, a simplificación, a transparencia e a atención aos cidadáns.