A Xunta impulsa a innovación de catro empresas lucenses con achegas que suman 302.000 euros

2021-12-10
  • O delegado territorial, Javier Arias, visitou a sede de Multisports Galicia, que introducirá novos produtos tecnolóxicos e servizos dixitais na xestión de eventos deportivos

Lugo, 10 de decembro de 2021.- A Xunta de Galicia destinou 302.000 euros a impulsar a innovación de catro empresas lucenses a través do Programa InnovaPeme 2021, que xestiona a Axencia Galega da Innovación (Gain).

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe no polígono do Ceao (Lugo) a sede de Multisports Galicia SLU-CCNorte, unha das beneficiadas, da que destacou que “é un referente na organización de eventos deportivos no noroeste peninsular e continúan investindo en modernización para ampliar horizontes”.

Arias explicou que a Xunta “quere achegar as posibilidades da innovación ás pequenas e medianas empresas galegas, acompañalas e apoialas no proceso de cambio que requiran”.

Neste sentido, lembrou que a innovación “é posible e necesaria en todas as empresas para seguir avanzando, calquera que sexa a súa localización, tamaño ou sector de actividade”. Neste sentido, indicou que hai outras dúas firmas do municipio de Lugo beneficiarias desta convocatoria de axudas, unha dedicada a ofrecer solucións tecnolóxicas e outra de subministros agrícolas, así como unha granxa avícola de Palas de Rei.

No conxunto da Comunidade, concedéronse este ano 36 axudas, cun investimento público de 2,8 millóns de euros. En total, nas catro edicións que suma este programa, concedéronse axudas para mellorar a capacidade innovadora de 160 pemes e microempresas de toda Galicia, cunha axuda pública de 13,3 millóns de euros e un investimento público-privado de 26,6 millóns e a creación ou mantemento de 767 postos de traballo.

Tecnoloxía para o deporte

CCNorte é unha empresa con 20 anos de experiencia, que promove eventos deportivos propios ou colabora con outros promotores usando as ferramentas tecnolóxicas e estratexias de comunicación axeitadas para cada proxecto. Ofrecen solucións integrais, encargándose de todos os aspectos de organización dunha proba deportiva, ou ben recursos puntuais como a xestión en liña, desenvolvemento web e deseño gráfico, ou montaxe e alugueiro de estruturas e soportes publicitarios, entre outros.

Tamén se ocupan da cronometraxe electrónica, para o que utilizan a tecnoloxía MYLAPS. Ademais dispón da plataforma resultados.live que permite seguir calquera carreira en directo dende o móbil ou ordenador. Esta tecnoloxía permite coñecer en todo momento desde internet os datos e a posición dos deportistas con GPS e resultados en directo. Os tempos e as estatísticas de cada carreira cárganse á web no mesmo momento no que o atleta cruza os puntos de control.

O plan de innovación que se propoñen desenvolver vai dirixido a incrementar a súa capacidade tecnolóxica e innovadora, a través de actuacións en dous eixes clave: a obtención de produtos e servizos tecnolóxicos adaptados a novos mercados dixitais na nube aínda non explorados, e o fortalecemento das súas estruturas e coñecementos en materia de innovación, ofrecendo novos procesos e ferramentas de xestión de eventos deportivos. Tamén buscan garantir a protección da propiedade dos seus produtos e servizos para poder ofrecer unha diferenciación fronte aos seus competidores.