A Xunta achega ás pemes de Ourense as vantaxes de innovar para afrontar a recuperación e consolidar o crecemento

2021-11-24
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou hoxe na parada que realizou no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole a iniciativa Camiño da Innovación, que está a percorrer toda Galicia a través de 18 paradas
  • Na cita participaron como casos de éxito as empresas Extraco Construcións e Proxectos e Mecanizados Rodríguez Fernández, dous exemplos que demostran que a innovación se pode poñer en marcha en calquera sector e empresa

San Cibrao das Viñas (Ourense), 24 de novembro de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, sinalou hoxe que “todas as análises sobre como afrontar recuperación económica e consolidar o crecemento sinalan a investigación e a innovación como o factor máis influínte na competitividade das empresas”. Así o asegurou durante a súa participación na parada que realizou a iniciativa Camiño da Innovación no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (San Cibrao das Viñas).

Durante o encontro, Argerey animou ás pemes da comarca de Ourense a innovar para ser competitivas e aclarou que “a innovación está ao alcance de todas as empresas, con independencia do seu tamaño, localización ou sector”. Para acompañalas neste proceso, a directora de Gain informou que a Xunta de Galicia acaba de poñer en marcha o Programa de Impulso da Innovación nas Pemes, no que se enmarca Camiño da innovación.

O obxectivo deste programa é acompañar aos sectores máis tradicionais a evolucionar cara a unha economía máis innovadora a través do deseño de liñas de axuda pensadas para eles; difundir a cultura da innovación entre as empresas para aumentar o número de pemes innovadoras galegas; xerar contidos formativos e ferramentas para axudarlles a valorar se están no momento de innovar e ofrecer casos de éxito de empresas innovadoras da contorna que sirvan de exemplo.

Ademais, Argerey apuntou que para que funcione o proceso innovador é clave a colaboración –entre sectores, entre centros de coñecemento e empresas, empresas entre si, etc.–, outro dos eixos prioritarios nos que está a actuar a Administración.

Asesoramento personalizado

A de hoxe en Tecnópole é a duodécima cita de Camiño da Innovación, iniciativa que ten previsto realizar 18 paradas en distintos puntos da xeografía galega entre os meses de novembro e decembro para xerar conciencia nas pequenas e medianas empresas sobre a importancia de innovar para medrar e chegar a novos mercados.

En cada parada ofrécese asesoramento personalizado –mediante cita previa– da man de técnicos de Gain para axudar ás pemes e microempresas a analizar as oportunidades de innovar, sobre todo ás que aínda non teñen experiencia nesta práctica. O obxectivo é atender máis de 200 asesoramentos en toda a xira, colaborando con cada empresa na elaboración dunha folla de ruta para poñer en marcha plans de acción que se materialicen en resultados tanxibles.

Ademais, Camiño da innovación presenta tamén a experiencia de máis de 50 casos de éxito de compañías que están a competir en mercados internacionais e que demostran que a innovación se pode poñer en marcha en calquera sector e empresa.

Na cita de hoxe en San Cibrao das Viñas participaron as empresas Extraco Construcións e Proxectos –que se atopa entre as construtoras con maior nivel de facturación e presenza en todo o territorio español– e Mecanizados Rodríguez Fernández –que conta con máis de 50 anos de experiencia no deseño e fabricación de accesorios en aceiro e solucións para a carrocería industrial e outros sectores industriais–.

Ata o de agora, realizáronse 130 asesoramentos a pemes, asistiron 320 persoas aos encontros con compañías innovadoras e expuxéronse máis de 25 casos de éxito. Ademais, publicáronse 13 reportaxes en vídeo con algúns destes casos de éxito que poden verse na web de Gain.

Pode consultarse máis información sobre a iniciativa Camiño da Innovación neste enlace.