A Xunta pon a unidade mixta de investigación de Pemade e Finsa como exemplo de boas prácticas para promocionar a construción en madeira

2021-11-22
  • Conde destacou que esta alianza é a proba de que a I+D+i aplicada ao sector forestal pode contribuír non só ao reto da transición ecolóxica, senón tamén a dar valor engadido a toda a cadea monte-industria, especialmente ás pemes
  • Defendeu os beneficios da colaboración público-privada para o sector forestal e salientou a obtención de produtos estruturais innovadores

Lugo, 22 de novembro de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu hoxe en Lugo á presentación de resultados da Unidade Mixta de Investigación (UMI) conformada por Pemade (USC) e Finsa, á cal puxo como exemplo de boas prácticas ao permitir obter produtos estruturais innovadores para promocionar a construción en madeira.

“Este proxecto pon de manifesto que na utilización tanto de piñeiro como de eucalipto hai unha capacidade de desenvolvemento importante para que a industria forestal siga xerando valor a través destes procesos de construción”, indicou.

A alianza, que botou a andar en 2018 e que contou un investimento total de 1,8M€ –no que colaborou o Goberno galego a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera)–, naceu co obxectivo de buscar solucións para desenvolver desde Galicia un modelo de economía circular vinculado ao sector forestal, ao mesmo tempo que busca investigar no eido da bioeconomía e o uso eficiente da madeira como elemento estrutural. Dúas metas que van en sintonía cos retos de crecemento sustentable da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3).

Neste sentido, Conde destacou que esta UMI é a proba de que a I+D+i aplicada ao sector forestal pode contribuír non só ao reto da transición ecolóxica, senón tamén a dar valor engadido a toda a cadea monte-industria, potenciando, por exemplo, os novos usos da madeira.

Así, dan man dunha decena de investigadores, a iniciativa cumpre unha das principais prioridades da etapa actual de transformación tecnolóxica: desenvolver proxectos que permitan a toda a cadea de valor, especialmente ás pemes, acceder á innovación.

Este traballo conxunto de Pemade e Finsa, tal e como apuntou o vicepresidente económico, pon de manifesto os beneficios que achega a colaboración público-privada ao sector forestal, polo que salientou o apoio da Xunta de Galicia ao crecemento desta industria a través dunha partida de 15 millóns de euros nos orzamentos para o vindeiro ano. Un camiño no que os fondos europeos Next Generation resultarán claves e para os que a candidatura galega inclúe proxectos como a planta de fibras téxtiles de orixe forestal (800M€), unha iniciativa que pretende ser a pedra angular da chamada terceira transformación da madeira.

“A través da innovación e a tecnoloxía podemos seguir situándonos na vangarda tecnolóxica e dar valor engadido a esta industria e aos nosos recursos naturais propios”, manifestou Conde.