A Xunta subliña que a alianza entre Gradiant e EnergyLab suporá un impulso á industria intelixente e sostible

2021-11-15
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá en Vigo na presentación desta colaboración, que permitirá desenvolver solucións innovadoras integrando a intelixencia artificial coa enerxía e a sostibilidade
  • Esta unión permitiralles chegar a novos nichos de mercado, crear 15 empregos cualificados anuais, captar un millón de euros ata 2023 e incrementar un 15% o volume de negocio conxunto

Vigo, 15 de novembro de 2021.-

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacou esta mañá a “a visión de futuro” da alianza estratéxica entre os centros tecnolóxicos Gradiant e EnergyLab, que combinará as capacidades de ambos centros nos ámbitos da enerxía e da intelixencia artificial para axudar ao tecido produtivo a adaptarse á industria intelixente. Segundo destacou Argerey na presentación da iniciativa, esta permitirá impulsar a evolución do tecido produtivo galego cara unha industria intelixente e sostible.

Argerey subliñou tamén a oportunidade de sumar capacidades na dixitalización e a sostibilidade, que son áreas prioritarias nos plans de recuperación e resiliencia a nivel europeo e estatal e que foron definidas como prioridades de especialización na futura Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia.

Segundo previsións das entidades coaligadas, a nova alianza, denominada Unesia, permitirá chegar a novos nichos de mercado que ata agora non podían atender por separado; a creación de 15 empregos cualificados cada ano; a captación dun millón de euros ata 2023 e acadar no 2030 un incremento do 15% no volume de negocio conxunto.

Na súa intervención, Argerey subliñou a excelencia e o bo posicionamento tanto a nivel nacional como internacional dos centros tecnolóxicos galegos, que lideran a captación de recursos en convocatorias competitivas como “Cervera” do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) axudas destinadas a apoiar a investigación dos centros tecnolóxicos de excelencia e que acadaron o 30% do financiamento conseguido en programas europeos de I+D+i no periodo 2014-2020.

A directora da Axencia tamén apuntou o importante papel que xogan os centros tecnolóxicos na dinamización da actividade de I+D+i e a transferencia de coñecemento ao tecido empresarial, especialmente entre as pemes, un peso que foi en aumento nos últimos anos e que os converte en actores de referencia na prestación de servizos de I+D+i para dúas quintas partes das empresas galegas. De aí o apoio da Xunta de Galicia ao labor dos centros tecnolóxicos, que desde 2009 sumou máis de 26 millóns de euros en axudas a Gradiant e Energylab para atender as necesidades dos tecido empresarial.

Precisamente, a colaboración entre os axentes do Sistema galego de innovación é unha das fortalezas de Galicia, segundo apunta o informe COTEC sobre innovación aberta en Galicia, onde case unha terceira parte das innovacións se realizan en colaboración e, neste sentido, os centros tecnolóxicos cobran especial relevancia pola posibilidade de externalizar as actividades de innovación das empresas.

De cara á nova Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia RIS3, Argerey sinalou que os centros tecnolóxicos supoñen un dos puntos fortes do ecosistema de I+D+i galego e constitúen unha base sólida sobre a que seguir construíndo a transformación económica e tecnolóxica de Galicia. Esta folla de ruta vai apostar por reforzar o seu papel no sistema de innovación, especialmente no eido da transferencia, completar capacidades das cadeas de valor e a internacionalización.