O CIS tecnoloxía e deseño abre ao público unha exposición sobre a relación entre os materiais e a natureza

2021-11-15
  • A mostra Arquivo da Matéria Viva, que fai a súa primeira parada en Galicia procedente de Portugal, permanecerá en Ferrol ata o 26 de novembro
  • Os materiais expostos exploran a valorización dos residuos e a circularidade, ademais da conexión das persoas co seu contorno natural máis próximo

Ferrol, 15 de novembro de 2021.- O CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol acolle ata o 26 de novembro Arquivo da Matéria Viva, unha mostra sobre a conexión dos materiais coa natureza que comeza a súa itinerancia en Galicia logo da súa exhibición na localidade portuguesa de Matosinhos con motivo da Porto Design Biennale, na cal participou a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain).

A iniciativa, que se integra na programación de eventos da Materioteca de Galicia e do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – Diferenza do Goberno galego, pode visitarse de martes a venres con entrada libre polas mañás e baixo reserva para grupos de seis persoas como mínimo polas tardes e o luns todo o día.

Inspirada no libro Vibrant Matter, de Jane Bennett, Arquivo da Mate?ria Viva busca espertar a atención e o interese das persoas polos materiais naturais do seu contorno máis próximo. A valorización dos residuos e a circularidade son dous dos valores protagonistas nesta mostra.

O obxectivo é animar ás persoas que a visitan a tomar a iniciativa para contribuír ao deseño colectivo de materiais naturais para o futuro, mediante un proceso de creación conxunta entre especialistas en deseño, expertos e a cidadanía, en lin?a cos obxectivos do desenvolvemento sustentable.

Congreso ‘Apertura’

A mostra será visitada esta semana polos asistentes ao congreso Apertura, organizado pola EASD Mestre Mateo, que comeza hoxe en Santiago de Compostela e se traslada o mércores ao CIS Tecnoloxía e Deseño. O apoio da Xunta de Galicia a este evento, no que tamén colaboran a Fundación Didac e Abanca, enmárcase na nova liña de actuación do programa Diferenza de activar alianzas co ecosistema galego de escolas de deseño, artes e arquitectura para introducir no ámbito docente o enfoque do deseño, a innovación e a sustentabilidade como eixes para a transformación empresarial.

Arquivo da Mate?ria Viva convive tamén este mes no CIS Tecnoloxía e Deseño coa exhibición dos 80 materiais participantes no I Certame de Materiais Innovadores de Galicia, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia para contribuír á difusión do esforzo realizado polas empresas e centros de coñecemento galegos na innovación en materiais.

Información e reservas para grupos no 981 337 133 e en infocistd.gain@xunta.gal.