A Xunta destaca a importancia do ‘Camiño da innovación’ para concienciar ás pemes sobre as vantaxes de innovar para mellorar a súa competitividade

2021-11-05
  • A iniciativa, que arrincou hoxe na capital chairega, percorrerá 18 concellos do rural galego, cinco deles na provincia de Lugo
  • Conde asegura que a innovación non depende do sector nin do tamaño da empresa, senón que é a cultura e a estratexia que permite a unha empresa mellorar o seu potencial a todos os niveis
  • Destaca que o éxito dos fondos europeos Next Generation pasa por apoiar proxectos onde as pemes sexan beneficiarias directas

Vilalba (Lugo), 5 de novembro de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu hoxe na praza da Constitución de Vilalba ao comezo da xira Camiño da innovación, unha iniciativa posta en marcha polo Goberno autonómico, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), co obxectivo xerar conciencia nas pequenas e medianas empresas sobre a importancia de innovar para medrar e chegar a novos mercados.

“Innovación é sinónimo de oportunidade”, asegurou Conde, ao mesmo tempo que recordou que o tráiler que hoxe inicia o seu percorrido por Galicia na capital chairega, realizará un total de 18 paradas por diferentes concellos do rural galego entre os meses de novembro e decembro. En concreto, Lugo será unha das provincias con máis citas xa que á de hoxe en Vilalba súmanse a de Cervo (segunda parada no camiño, o 8 de novembro), Monforte de Lemos (30 de novembro), Chantada (1 de decembro) e Meira (9 de decembro).

Esta iniciativa pioneira en Galicia, enmarcada no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes (12M€) da Xunta, ofrecerá en cada parada —mediante cita previa– asesoramento personalizado a pemes e microempresas da man de técnicos de Gain. Deste xeito, axudaráselles a analizar as oportunidades de innovar, sobre todo ás que aínda non teñen experiencia nesta práctica. O obxectivo é atender máis de 200 consultas en toda a xira, colaborando con cada empresa a elaborar unha folla de ruta para poñer en marcha plans de acción que se materialicen en resultados tanxibles.

Neste sentido, Conde asegurou que a innovación “é cousa de todos”, ao indicar que non depende do sector nin do tamaño da compañía, senón que se trata da cultura e a estratexia que permite a unha empresa mellorar a súa competitividade a todos os niveis, poñendo o foco no rural para dar visibilidade aos proxectos de emprendemento que están xurdindo nestas contornas.

Camiño da innovación contará tamén coa experiencia de 54 casos de éxito —tres en cada parada– de pemes que están a competir en mercados internacionais e que demostran que a innovación se pode poñer en marcha en calquera sector e empresa. Na cita de hoxe en Vilalba, contouse coa presenza de Forma-t —experta en formación e asesoramento a empresas e autónomos–; Innogando —que ofrece solucións tecnolóxicas para mellorar a rendibilidade das explotacións gandeiras–; e o Grupo On Seguridad —especialista en seguridade privada–.

Un recurso ao alcance de todos

O vicepresidente económico apuntou á sustentabilidade e á dixitalización como factores clave para afrontar o reto da recuperación económica, polo que asegurou que os esforzos da Xunta de Galicia están centrados en que a innovación sexa accesible para o groso do tecido empresarial galego, que son as pemes e as micropemes.

A este respecto, entende que o éxito dos fondos europeos Next Generation pasa por apoiar proxectos onde, precisamente, sexan as pemes as beneficiarias directas, polo que avogou por traballar de forma conxunta entre todas as administracións para aproveitar esta oportunidade.

Máis información sobre próximas citas de Camiño da Innovación neste enlace.