A iniciativa ‘Camiño da innovación’ da Xunta de Galicia arrinca mañá en Vilalba para achegar as oportunidades de innovar ás pemes da Terra Chá

2021-11-04
  • Trátase da primeira parada das 18 que fará o tráiler polas catro provincias galegas nos meses de novembro e decembro
  • O obxectivo é atender máis de 200 consultas ao longo de toda a xira, axudando a cada empresa a elaborar unha folla de ruta que lle permita poñer en marcha plans de acción que se materialicen en resultados tanxibles

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2021.- A iniciativa Camiño da Innovación, posta en marcha pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), arrincará mañá venres, 5 de novembro, na praza da Constitución de Vilalba. Trátase dun espazo itinerante que realizará 18 paradas nas catro provincias galegas durante os meses de novembro e decembro –en horario continuo de 9 a 18 horas–, co obxectivo de prestar asesoramento ás pemes e difundir entre elas a necesidade e a oportunidade de innovar, como factor clave para gañar competitividade e medrar.

O encontro terá lugar de 9,30 a 11,00 horas na Casa da Cultura e contará coa participación do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; a directora de Gain, Patricia Argerey; e as empresas Forma-t, experta en formación e asesoramento a empresas e autónomos, Innogando, que ofrece solucións tecnolóxicas para mellorar a rendibilidade das gandeirías, e Grupo On Seguridad, especialistas en seguridade privada. Tanto a participación no encontro como o asesoramento require inscrición previa a través da páxina web de Gain.

Aumento da competitividade

Esta iniciativa inscríbese no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes posto en marcha pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, dotado con 12M€ para axudar ás pemes e microempresas galegas a investir en innovación. A través das distintas actuacións, tratarase de promover que as empresas que non innovan inicien a senda da competitividade baseada no coñecemento e, principalmente, tratarase de dinamizar aos tecidos empresariais dos núcleos non urbanos.

En cada etapa ofrecerase asesoramento personalizado a pemes por parte de técnicos de Gain para analizar as oportunidades de innovar e como poñela en marcha. O obxectivo é atender máis de 200 consultas na xira, axudando a cada empresa a elaborar unha folla de ruta para poñer en marcha plans de acción que se materialicen en resultados tanxibles.
Ademais, celebrarase un encontro onde se presentarán tres exemplos de pemes innovadoras da contorna; en total, contarase con 54 casos de éxito que están a competir en mercados internacionais e que demostran que a innovación se pode poñer en marcha en calquera sector e empresa.

Por último, poranse a disposición do público materiais explicativos das ferramentas e técnicas de innovación, que se irán incrementando con novos contidos durante 2022, así como un curso en liña sobre aspectos básicos da innovación.

Máis información e inscrición neste enlace.