A Xunta presenta en Ifema o Polo Aeroespacial de Galicia no principal congreso a nivel mundial sobre xestión de tráfico aéreo

2021-10-25
  • A Axencia Galega de Innovación participa na feira Expodrónica e o World ATM Congress cun stand do Polo Aeroespacial, un espazo no programa do congreso para a presentación das solucións desenvolvidas no marco da iniciativa e a participación na mesa redonda sobre propostas para a Estratexia Aeroespacial Nacional
  • O Goberno galego asiste ao evento acompañado das principais compañías implicadas no Polo, as cales presentarán os seus resultados no marco da iniciativa

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2021.- A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), estará presente desde mañá, 26 de outubro, ata o xoves 28 na feira Expodrónica, o maior evento de drons do Sur de Europa, que nesta edición se une ao World ATM Congress, a principal conferencia a nivel internacional sobre xestión de tráfico aéreo, ambas celebradas no recinto feiral de Ifema en Madrid.

O salón de conferencias do congreso leva o nome da Civil UAVs Initiative, a iniciativa estratéxica do Goberno galego para desenvolver un polo tecnolóxico e industrial arredor dos vehículos non tripulados en Galicia. Este espazo incluirá unha completa programación sobre o futuro da aviación e a integración da mobilidade aérea avanzada, a xestión do tráfico dos vehículos non tripulados (UAV), os vehículos aéreos autónomos ou remotamente pilotados, os sistemas de xestión novidosa do tráfico e outros servizos relacionados con drons e mobilidade aérea avanzada.

Ademais, a Xunta contará cun stand propio no pavillón de Expodrónica durante os tres días de feira, onde ofrecerá información sobre o Polo Aeroespacial de Galicia e exporá as tecnoloxías e proxectos desenvolvidos no marco da iniciativa –como a aeronave non tripulada Lúa desenvolta por Babcock; unha maqueta do vehículo opcionalmente non tripulado Targus de Indra; unha demo da solución desenvolvida por Boeing; unha maqueta de SRM Consulting; ou o dispositivo creado para a localización de persoas desaparecidas Lifeseeker de Centum–.

Dentro do programa do congreso, mañá martes presentaranse ás 10.00 horas os proxectos tractores executados no marco do Polo Aeroespacial en colaboración con Babcock, Boeing e Indra, así como as solucións tecnolóxicas desenvoltas nos proxectos do programa de Solucións.

Finalmente, a directora de Gain, Patricia Argerey, participará o mércores 27 de outubro ás 12 horas na mesa redonda sobre a Estratexia Aeroespacial Nacional, xunto a Isabel del Pozo, de Airbus; Gonzalo Alonso, de Enaire; Joaquín Rodríguez, de Catec; José Luis García, do Clúster Aeronáutico y Aerospacial de Canarias e Miguel Ladrón de Cegama, de Hera Drone Hub.

Eventos de sona mundial

O World ATM Congress é o maior evento no mundo de xestión de tráfico aéreo e Expodrónica é a feira máis importante no sur de Europa dedicada aos drons, o tráfico aéreo destes vehículos e a mobilidade aérea avanzada.

A presenza da Xunta en ambas citas enmárcase no obxectivo de contribuír á difusión nacional e internacional do Polo Aeroespacial de Galicia, así como apoiar a transferencia de coñecemento e tecnoloxía dos produtos e resultados tecnolóxicos desenvoltos no seu marco.