A Xunta impulsa a creación do grupo de expertos que contribuirá á configuración da nova estratexia RIS3 de Galicia

2021-10-05
  • Conde apunta a que a iniciativa é unha oportunidade para abordar a Galicia do 2030 a través dun modelo intensivo en coñecemento, sostible e pensado por e para as persoas
  • Aposta pola colaboración público-privada para involucrar ao maior número posible de empresas
  • Coa estratexia 2014-2020 concedéronse máis de 6700 axudas para fomentar a innovación e mobilizáronse 1900M€ en investimentos

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe na Cidade da Cultura na reunión do grupo de expertos creado para axudar no deseño da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia para o período 2021-2027. Un acto onde apostou pola participación de todos os axentes do ecosistema galego de I+D+i para configurar a que será a folla de ruta da innovación en Galicia.

O obxectivo principal deste grupo de expertos non é outro que debater, complementar as conclusións provisionais que se vaian obtendo nas distintas mesas de traballo –téñense mobilizado xa a máis de 200 representantes do sistema de I+D+i en 27 mesas de traballo–, recoller as melloras e recomendacións e achegar unha visión independente e externa ao propio proceso de definición desta estratexia.

Así, o vicepresidente económico asegurou que a nova estratexia é unha oportunidade para abordar a Galicia do 2030 a través dun modelo intensivo en coñecemento, sostible e pensado por e para as persoas, ao mesmo tempo que sinalou que o éxito desta iniciativa estará marcado pola súa capacidade para desenvolver o binomio sustentabilidade-industria para garantir a competitividade do tecido empresarial (xeración de pegada industrial) e o benestar das familias.

O vicepresidente económico fixo referencia á boa acollida que tivo a anterior RIS3 2014-2020, coa cal concedéronse máis de 6700 axudas para impulsar a innovación, mobilizando 1900M€ en investimentos gracias á colaboración público-privada. Exemplo deste éxito son as cifras alcanzadas no 2019 en Galicia, sendo as máis altas de toda a serie estatística tanto en investimento en I+D+i –máis de 627M€–, como en número de persoas que traballan na actividade –10.085–, logrando ser unha das oito comunidades que superaron os niveis neste ámbito previos á crise de 2009.

Así, Conde manifestou que a colaboración público-privada vai seguir sendo clave nesta nova etapa da estratexia, polo que sinalou a necesidade de involucrar ao maior número posible de empresas. Neste contexto, asegurou que a RIS3 consolidará un modelo propio de ecosistema de innovación co que afrontar a transición ecolóxica e dixital, polo que indicou que a Xunta de Galicia –que duplicou o investimento neste campo pasando dos 113M€ en 2014 aos 228M€ en 2021– seguirá apostando polo diálogo e o consenso.