Conde avanza que dez candidaturas optan a ser socios estratéxicos da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia durante os vindeiros cinco anos

2021-09-13
  • Explica que o lanzamento da convocatoria para seleccionar novas empresas tractoras que acompañen á Xunta neste proxecto pioneiro é unha das 30 actuacións contempladas na nova Estratexia 2021-2025 do Polo Aeroespacial de Galicia
  • Cun orzamento de 40M€, a previsión é asinar entre catro e oito acordos de asociación para desenvolver arredor de 80 proxectos de I+D
  • Subliña que o grao de interese que esperta o Polo de Rozas demostra que a industria aeronáutica confía en Galicia

Vigo, 13 de setembro de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, avanzou hoxe que a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), xa recibiu un total de dez propostas para ser novos socios estratéxicos do Polo Aeroespacial de Galicia durante os vindeiros cinco anos. Así o adiantou durante a clausura do IV Congreso Internacional Aeronáutico e Espacial (CIAG), organizado polo Consorcio Aeronáutico Galego.

Conde explicou que o lanzamento da convocatoria para seleccionar novas empresas tractoras que acompañen á Xunta neste proxecto pioneiro é unha das 30 actuacións contempladas na nova Estratexia 2021-2025 do Polo Aeroespacial de Galicia, cun orzamento de 40M€ e a previsión de asinar entre catro e oito acordos de asociación para desenvolver arredor de 80 proxectos de I+D. No tocante ás dez propostas presentadas, entrarán agora en fase de avaliación unha vez se comprobe que a documentación achegada se axusta ás bases reguladoras da convocatoria.

Segundo dixo, este grao de interese que esperta o Polo de Rozas demostra que a industria aeronáutica confía en Galicia e nun proxecto que naceu e se desenvolveu a través dun instrumento clave como a Compra Pública Innovadora, coa que se levan mobilizado 164M€ a partir dun investimento público de 58M€. Un proxecto que conta agora cunha nova folla de ruta de cara ao 2025, cun investimento de 70M€, para consolidar maior pegada industrial, para que as pemes galegas se incorporen ás cadeas de valor das grandes empresas do sector, para impulsar a proxección internacional e a comercialización de novas solución e para a creación de emprego cualificado.

Neste contexto, Conde apuntou que o Polo Aeroespacial de Galicia é un dos proxectos tractores que recolle a candidatura galega aos fondos europeos Next Generation, que podería chegar a mobilizar 540M€ se consegue a colaboración do Goberno. De feito, sinalou que é xustamente co Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) con quen a Xunta ten aberta neste momento a licitación para dotar as instalacións de Rozas dun entorno de simulación avanzado de xestión do tráfico aéreo.

O vicepresidente económico concluíu agradecendo ao apoio do Consorcio Aeronáutico Galego no Polo Aeroespacial de Galicia. E lembrou que, para reforzar este traballo en común, a Xunta vén de asinar con esta entidade un acordo convenio que vai permitir crear un Observatorio da Industria Aeroespacial para seguir avanzando no desenvolvemento deste sector en Galicia.